IniciosociedadeCeleiro bótase á rúa para evitar que Abanca peche a única oficina...

Celeiro bótase á rúa para evitar que Abanca peche a única oficina bancaria da vila

A veciñanza, en dúas ringleiras a ambos lados da estrada para evitar aglomeracións, ocupou boa parte da rúa Lavandeiras para opoñerse á perda dun servizo que considera fundamental

Publicada o

- Advertisement -

Decenas de veciños concentráronse este luns diante da sé de Abanca de Celeiro para tentar parar o peche da única oficina bancaria da vila, comunicado semanas atrás pola propietaria e previsto para marzo. A veciñanza, que nas últimas semanas recolleu sinaturas para opoñerse á perda dun servizo que entende como fundamental, unha loita na que ten o apoio das forzas políticas da corporación viveirense, colocouse en dúas ringleiras a ambos lados da estrada para evitar aglomeracións, ocupando boa parte da rúa Lavandeiras.

Baixo o lema ‘Non ao peche‘ e con cánticos como ‘Máis servizos e menos beneficios‘ ou ‘Escotet, escoita, Celeiro está en loita‘, os asistentes reivindicaron que se manteña unha oficina que entenden imprescindible para unha vila de arredor de 1.500 habitantes. A alternativa, resaltan, é desprazarse ás dependencias da entidade bancaria en Viveiro, o que resulta especialmente problemático para a poboación maior.

“A POBOACIÓN NON DEMANDA MÁIS DIXITALIZACIÓN, SON AS EMPRESAS QUENES A FORZAN”

Pero non só para os anciáns. Paula Mosquera, da CIG, asegura que a oficina de Viveiro “é rendible” e que “non é a poboación á que demanda dixitalización, os servizos a través de internet, senón que son as empresas as que a están forzando. Este tipo de decisións exclúen ás persoas dos servizos financieiros, hai xente maior que non ten por que saber utilizar estes recursos dixitais”, remarca.

“Unha oficina bancaria é moito máis que unha oficina. É un servizo esencial porque ti tes que ter unha conta, a posibilidade de pagar recibos ou taxas nunha oficina cercana á túa casa; non pode estar unicamente suxeito a unha decisión empresarial estratéxica de aforro de custos“, argumenta.

Panorámica da concentración. CIG

Deste xeito, enmarca este peche nun proceso de destrución de emprego “que non só ten que ver con esta empresa senón co sector da banca, e que arrinca en 2008”. En Abanca Celeiro traballan por agora tres empregados, que pasarían a outras oficinas.

“Temos que ter claro é que a única maneira de manter xente nos pobos é manter os servizos. Hai anos, cando un pobo medraba, o primeiro signo de que ía para ben era que tiña unha oficina bancaria. E durante a pandemia comprobouse que os bancos son un servizo esencial, tiñan que funcionar. Prescindir destas oficinas é un abuso”, engade.

REUNIÓN O XOVES NO CONCELLO CON DIRECTIVOS E VECIÑOS

O grupo de goberno de Viveiro informa que o este xoves, 4 de marzo, terá lugar no concello a reunión solicitada pola alcaldesa, María Loureiro, en relación co peche da sucursal de Abanca en Celeiro, na que estarán presentes unha representación veciñal e directivos de Abanca e na que se intentará avaliar posibles solucións para que a entidade bancaria reconsidere a súa decisión e a sucursal de Celeiro poida permanecer aberta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...