Acisa alerta sobre posibles sancións e peches na hostalería: “detectáronse moitas anomalías desde o venres”

O Concello ofrece os servizos técnicos para que os negocios poidan calcular os aforamentos

Casco histórico de Ribadeo. AXM

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo advirte ao sector hostaleiro da vila de sancións e de peches de negocios a partir do 5 de marzo en caso de incumprimento da normativa decretada pola Xunta de Galicia: “foron moitas as anomalías detectadas desde o pasado venres, día no que se permitiu a apertura de bares ata as seis da tarde”.

Tralas conversas mantidas coa Garda Civil e coa Policía Local, Acisa diríxese a través dun comunicado a todo o sector hostaleiro de Ribadeo, sexa asociado ou non, para insistir na normativa obrigatoria decretada pola administración galega: “tanto no interior como no exterior dos locais as mesas e as cadeiras teñen que corresponderse cos aforamentos máximos permitidos en condicións normais. E obrigatoriamente, con bandas, adhesivos ou carteis, débense inutilizar mesas e cadeiras para adaptarse ao 30% de capacidade no interior e ao 50% nas terrazas. Non vale retirar mobiliario e separar mesas. Ademais é obrigatorio ter nun lugar visible a cartelería oficial da Xunta de Galicia co aforamento e o código QR. Debe estar colocada nos accesos aos locais, ademais de nas portas e incluso fiestras, así como nas terrazas”, lembra o colectivo.

ATA O 5 DE MARZO PARA IMPLANTAR AS MEDIDAS

Acisa subliña que “a capacidade máxima por mesa é de catro persoas non conviventes. Nada máis. E o uso de máscara é obrigatorio por parte do cliente. Se este non responde o persoal do local hostaleiro debe velar polo seu cumprimento”, remarca.

Desde Acisa insisten en que “a hostalería ten ata o xoves para implantar estas medidas. A partir do 5 de marzo as visitas da Garda Civil e da Policía Local deixarán de ser informativas e pasarán a ser sancionadoras, en caso de incumprimentos, chegando ata o peche dos locais que sexan reincidentes”.

“Debemos ser conscientes da gravidade da situación, tanto os hostaleiros como a cidadanía”, conclúe Acisa.

AS TERRAZAS, AO 50% E O INTERIOR DOS LOCAIS, AO 20%

O Concello de Ribadeo pon a disposición dos bares e restaurantes que o precisen os servizos e técnicos necesarios para realizar os cálculos dos aforos e así logo aplicar as porcentaxes que en cada momento establezan as autoridades sanitarias.

O concelleiro de Desenvolvemento Local ribadense, Pablo Vizoso, lembrou que os cálculos realizados ao comezo do anterior estado de alarma seguen a ser válidos para a práctica totalidade dos locais de hostalería. O edil dixo que “dende o Concello de Ribadeo queremos informar que os criterios e os cálculos de aforo total realizados, e entregados ao comezo do anterior estado de alarma, seguen sendo válidos para a práctica totalidade dos locais de hostalería e os establecementos comerciais. Sobre ese cálculo, que é o aforo total do local, hai que aplicar as porcentaxes que en cada momento establece a autoridade sanitaria, actualmente o 30% no interior e o 50% nas terrazas para os locais de hostalería”, engade.

Vizoso subliñou que “de tódolos xeitos, e sobre todo para aqueles bares e restaurantes que teñan algún tipo de dúbida ou que, ata este momento, non solicitaran a información sobre aforos, o Concello pon á súa disposición os servizos e os técnicos correspondentes. Deste xeito, os interesados deberán presentar na oficina do arquitecto municipal un plano a escala, por exemplo o que serviu para conceder a licenza no seu día, ou no seu defecto un croque detallado coa superficie do local e tamén a superficie da barra, dos baños, do almacén e da cociña para seren descontados no cálculo que hai que realizar”, salientou.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo ribadense explicou que “os interesados poden presentar esta documentación durante esta primeira semana de marzo e os servizos de arquitectura farán entrega deste informe de aforos o venres 5 de marzo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here