O Concello de Barreiros reuniuse esta mañá coa Asociación de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo para facer seguimento do convenio asinado no mes de setembro para o mantemento das infraestruturas forestais.
A valoración realizada tanto polo Concello como pola propia asociación do acordo é positiva, asegura o goberno local, no relativo ás comunicacións das cortas e ao control establecido e insistiron na necesidade de colaboración para a execución total do acordo. Neste sentido, reiteraron “a necesidade de sinalar as cortas que se realicen no municipio e o compromiso das empresas para reparar os posibles danos que poidan sufrir as vías municipais”, indica o executivo municipal barreirense.
Nun “paso adiante” na colaboración iniciada, “desde o Concello trasladouse a intención de habilitar zonas de carga para a madeira, así como de arranxar vías de saca principais. Os representantes dos madeiristas mostraron a súa satisfacción coa proposta e trasladaron a disposición de colaborar, mesmo economicamente, nas obras necesarias para levalas a cabo”, remarca o goberno local.
A alcaldesa, Ana Ermida, que participou na xuntanza acompañada do concelleiro de medio rural, Dámaso Ratoeira, sinalou que “a acollida das propostas que se presentaron foi mo boa e que a disposición do colectivo foi absoluta de cara a comezar unha senda de colaboración que permita dotar a Barreiros de mellores infraestruturas no eido forestal”.
UN “PASO ADIANTE” NO CONVENIO FORMALIZADO EN SETEMBRO
Desde o Concello de Barreiros amosan “satisfacción pola dispoñibilidade amosada e por ter logrado un acordo que, pola vía dos feitos, pode redundar no interese xeral, avanzando na colaboración con un sector fundamental no económico e que debe repercutir positivamente no territorio”.
Nas vindeiras semanas planificarán conxuntamente os traballos a levar a cabo, de xeito que, cando o tempo o permita, se poidan realizar para poder afrontar a vindeira campaña do inverno en mellores condicións.
Desde o Concello tamén sinalan que “a pesar da dificultade de levar a cabo a extracción de madeira nun inverno tan chuvioso coma este, existe plena disposición e compromiso de acometer as obras necesarias en canto o terreo estea en mellores condicións para realizalas”.