O Concello de Ribadeo informou a través dun comunicado de prensa que adquire catro inmobles a través da figura da expropiación, debido a impagos de multas urbanísticas ou execucións subsidiarias que tivo que realizar para garantir a seguridade e a salubridade públicas. Trátase de propiedades situadas nas rúas Antonio Otero, Deputación, Bispo Veres e Avenida de Asturias.
O alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, contou que “son varios os inmobles que o Concello de Ribadeo está adquirindo a través da figura da expropiación, debido a impagos de multas urbanísticas ou a accións de execución subsidiaria que o Concello tivo que realizar para garantir a seguridade e a salubridade públicas. Son procesos que se alongan no tempo, pero que ao final se os titulares non se fan cargo, ben porque non queren ou ben porque son descoñecidos, a administración local acabamos poñendo estes inmobles ao noso nome”, concretou.
OS PROPIETARIOS ACUMULABAN DÉBEDAS DE ATA 40.000 EUROS
O rexedor lembrou que “temos, xa desde hai anos, unha acción que acabamos de rexistrar nestes días, que é un inmoble na rúa Antonio Otero 31, no casco vello de Ribadeo. Este inmoble veuse abaixo e tivemos que actuar subsidiariamente hai uns anos, os posibles propietarios nunca apareceron e finalmente cobramos os traballos a través da adquisición do ben. Entre multas e execucións subsidiarias tiñan unha débeda duns 30.000 euros. Igualmente pasou na rúa Deputación número 1, logo de innumerables advertencias pola falta de seguridade deste inmoble con respecto á vía pública e aos viandantes que puideran pasar por alí, efectuamos unha serie de multas a través de notificacións persoais e de notificacións nos diferentes boletíns oficiais, incluso tivemos que facer unha demolición total dese edificio con cargo a fondos municipais. Os cargos achéganse neste caso aos 40.000 euros e estamos tamén no proceso de adquisición deste inmoble”, finaliza.
Suárez Barcia engadiu que “fixemos igual na rúa Bispo Veres números 2 e 4, e finalmente nun local da Avenida de Asturias froito do embargo a un promotor inmobiliario, por sancións urbanísticas confirmadas posteriormente pola xustiza, que non fixo o pagamento das mesmas, polo tanto adquirimos ese baixo”.
Os números 2 e 4 da rúa Bispo Veres foron postos á venda en varias ocasións polo Concello, sen atopar comprador.
O GOBERNO LOCAL PRETENDE CREAR UN ESPAZO POLIVALENTE NA AVENIDA DE ASTURIAS
O alcalde sinalou que “agora todos estes inmobles pasan a titularidade pública e terán diferentes finalidades. Neste último caso do situado da Avenida de Asturias querémolo converter nun espazo polivalente centrado, sobre todo, nas actividades formativas e para o cal xa temos solicitado unha axuda á Xunta de Galicia. Noutros casos optamos primeiramente pola taxación do inmoble e a venda pública a través dunha poxa. Se se venden, os ingresos económicos destas transaccións serán reinvertidos polo Concello en accións de patrimonio do solo onde temos múltiples necesidades como todos os municipios; vías públicas, espazos públicos, ou mellora nas traídas de auga nas parroquias”, finalizou.