O Concello de Burela anunciou a través dun comunicado de prensa que vén de ceder o primeiro bloque das antigas vivendas de profesores do colexio dos Castros. O Centro San Aníbal farase cargo da súa xestión e tutela, segundo deu a coñecer este mediodía a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López.
A edil burelá explicou que se trata “dun bloque con catro pisos que se entregan ao Centro San Aníbal para que amplíe o seu proxecto social, que tanto ofrece para a comarca e en concreto para os servizos sociais da nosa vila”.
López subliñou que “neste tempo que levo de concelleira o apoio constante e continuo e o bo entendemento con este centro e coa xente que o integra é moi importante, porque nós carecemos dunha vivenda de emerxencia social. Non é fácil xestionala e levala a cabo e a verdade é que atopamos nesta cesión un mecanismo que poida axilizalo e que faga posible que sexa unha realidade”, indicou.
A concelleira de Servizos Sociais precisou que “se trata de catro vivendas, que van ser tuteladas, que é o mesmo formato que teñen eles no centro actualmente. Para financiar as obras apoiarémonos e solicitaremos a implicación da Deputación de Lugo e o Centro San Aníbal dirixirase á Xunta de Galicia a través de varias liñas de actuación”.
CESIÓN POR SEIS ANOS PRORROGABLES
Jesús Iglesias, do Centro San Aníbal, concreta que dúas das vivendas “están reformadas e só precisan equipamento e mobiliario”, pero as outras dúas “requiren dunha obra integral. Propuxemos ao Concello a creación dunhas vivendas tuteladas dedicadas principalmente a dous colectivos: mulleres en situación de vulnerabilidade, con fillos ao cargo, e rapaces maiores de idade, de entre 18 e 25 anos, que teñan problemas serios para emanciparse“.
Trala cesión do edificio, precisa, “haberá que presentar un proxecto de creación das vivendas tuteladas e unha solicitude de permiso para iniciar o servizo, que se entregarán á Xunta de Galicia, a Administración competente en Inclusión Social e Igualdade, e tamén se buscará o financiamento”.
A cesión ten un prazo de seis anos, prorrogables. Iglesias cre que no mellor dos casos, de axilizarse a tramitación, dúas das vivendas -aquelas que non requiren obras senón equipamento- poderían estar abertas a finais de ano.
ESTÚDASE A POSIBILIDADE DE QUE UNHA DAS VIVENDAS SE DEDIQUE A PERSOAS DO MUNICIPIO EN EMERXENCIA SOCIAL
Detrás dos usuarios, que deberán cumprir determinados requisitos -grao de necesidade, tempo de ocupación, cun plan de desenvolvemento aparellado- habería un equipo técnico para a súa formación e inserción laboral. Unha das vivendas, apunta, “podería quedar para persoas en situacións de emerxencia social de Burela, aínda que é algo aínda por pechar”.
“Non se trata dunha casa de acollida senón de que cada familia teña a súa vivenda”, aclara Iglesias, que lembra que “o único recurso que hai na provincia de Lugo funcionando con unidades familiares é o que temos nós”. Unha posibilidade que se baralla é especializar unha das vivendas para casos de vítimas de violencia de xénero.
Segundo concreta Iglesias, no centro de acollida das Rogacionistas-Fillas do Divino Celo viven dúas familias -o tope das prazas-; hai once nenos en tutela no internado -tres máis das prazas dispoñibles- e 29 en atención de centro de día, nove por riba dos postos concertados, o que fala da demanda deste tipo de servizos.