IniciosociedadeO BNG levará a Concello, Parlamento e Congreso o atraso do traslado...

O BNG levará a Concello, Parlamento e Congreso o atraso do traslado da EOI á escola vella de Celeiro

O Bloque reúnese con Aspanane tras coñecerse que a Seguridade Social non pode ceder a antiga escola, o que se pretendía para habilitar unha residencia para persoas con discapacidade

Publicada o

- Advertisement -

A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, e o deputado parlamentario da formación nacionalista, Daniel Castro, reuníronse na tarde do luns coa directiva de Aspanane para poñer en común a resposta remitida pola Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes á pregunta feita polo deputado do Bloque no Congreso dos deputados, Néstor Rego, sobre o estado de tramitación da cesión da escola vella de Celeiro á Consellería de Educación da Xunta e ao Concello de Viveiro.

Xunta, Deputación de Lugo e Concello anunciaran hai algo máis de dous anos, en marzo do 2019, un acordo a tres bandas para acadar unha residencia para Aspanane; ubicaríase na sede da Escola Oficial de Idiomais (EOI), que pasaría á escola vella de Celeiro, a rehabilitar trala cesión do Estado grazas a un convenio de 525.000 euros.

RESPOSTA A REGO

Segundo expón o BNG, na resposta a Rego trasládanse “dúas comunicación claras”. Por unha banda, “en canto aos trámites de cesión da titularidade do colexio vello de Celeiro, confírmase que dito procedemento non foi enfocado como lexislativamente ten cabida, pois afirma a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS): “considérase que a figura xurídica procedente para a utilización do Colexio Vello pola Comunidade Autónoma, para o desenvolvemento de actividades propias da súa competencia, é o alleamento por adxudicación directa, tendo en conta que supón a transmisión da propiedade do inmoble, con plena dispoñibilidade do mesmo, o que non ten lugar, por outra banda, mediante a súa cesión que, segundo a normativa patrimonial vixente no ámbito da Seguridade Social só contempla a cesión de uso, sen a cesión da propiedade“.

Por outra banda, segundo o convenio a tres bandas, “non ten efecto en canto á cesión do mesmo”. Cita o BNG á TXSS: “en canto ao triplo acordo entre a Xunta de Galicia, o Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo ao que se alude, indícase que, un acordo no cal se adopta unha decisión sobre un inmoble alleo, sen o coñecemento do seu propietario nin intervención do mesmo, non pode ter efecto algún para a TXSS nin supoñer, por tanto, unha obriga para o devandito servizo común”.

PREGUNTARÁN SOBRE AS ALTERNATIVAS QUE SE ESTÁN A TRABALLAR PARA CONSEGUIR A DOAZÓN DO INMOBLE

Tendo en conta a resposta, o BNG de Viveiro rexistrou xa o pasado 13 de marzo unha serie de preguntas para seren contestadas pola alcaldía en relación ao trámite de cesión, “xa que o Concello, como administración implicada, debería ser coñecedor desde novembro do 2020 que non é posible a cesión como estaba prevista”, indica Bermúdez, que preguntará “cal é a posible nova proposta por parte da TXSS e que actuación ten realizado o Concello para enfocar este proceso de maneira axeitada para non perder máis tempo”.

Por outra banda, o BNG no Parlamento Galego presentará unha pregunta na comisión correspondente para obter información clara e concisa do proceso en relación aos trámites que lle corresponden á Xunta de Galiza, así como tamén no Congreso a través de Rego, que preguntará “cales son as actuacións que a TXSS está tramitando actualmente para conquerir devandito proceso e cal é o motivo polo que non se tramita unha cesión gratuíta do inmoble dacordo co apartado 4 do artigo 107 da Lei da Seguridade social que especifica que os bens inmobles do patrimonio da Seguridade Social que non resulten necesarios para o cumprimento dos seus fins, e respecto dos cales non se considere conveniente o seu alleamento ou explotación, poderán ser cedidos gratuitamente para fins de utilidade pública, cando neste proceso se cumpre o obxectivo de ofrecer un servizo público”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...