O Concello de Ribadeo está a realizar traballos de reparación no paseo das Aceas, onde se produciron uns desprendementos. O concelleiro ribadense de Medio Ambiente, Jorge Díaz, dixo que, tras conseguir os permisos pertinentes, se está a actuar nesa zona repoñendo a varanda de madeira que se viu afectada. Díaz Freije agarda que esta semana quede lista a actuación.
O edil explicou que “fai uns días que se produciron uns desprendementos no entorno das Aceas, no paseo que vai ao Muíño de mareas. Despois de solicitar os permisos pertinentes, estase a restituír a vaia ou aproveitando nalgún treito. Houbo partes que se aproveitaron e outras que se restituíron”.
Díaz Freije manifestou que “a varanda xa está posta, pero estamos a traballar no ancho do paseo, para darlle un pouquiño máis de amplitude. Esta tarde procederemos a seguir con eses traballos e durante estes días creo que vai quedar xa todo como estaba”.
PODA NO PASEO DOS BLOQUES PARA EVITAR DERRUBES
Po outra banda, a Concellaría de Medio Ambiente está remantando os traballos de poda no entorno da praia e do paseo dos Bloques co obxectivo de evitar posibles derrubes. As tarefas realízanse con recursos propios.
Díaz lembrou que “en xaneiro desde a Área de Medio Ambiente empezamos unha poda exhaustiva de restos vexetais, tanto secos como árbores perigosas, no entorno da praia dos Bloques, tanto no areal como no paseo, pola perigosidade de posibles derrubes, porque xa o ano pasado tivemos un desprendemento aí detrás dunhas casas. Para que isto non volva suceder recomendáronnos que fixéramos unha poda o máis exhaustiva posible e niso levamos traballando estes dous meses, cando as condicións climatolóxicas así nolo permitiron”, concretou.
O edil ribadense engadiu que “a vindeira semana agardamos que todas esas tarefas rematen e que esa zona dos Bloques quede o máis segura e o máis limpa posible. Ademais gañouse en visibilidade, porque desde as beirarrúas da Vilavella se pode apreciar, sen arbustos e sen maleza, a beleza da ría e dese areal co que contamos na vila de Ribadeo”.