O paciente do Hospital da Costa que denunciou que levaba oito meses de espera por un cateterismo necesario para saber se precisaba dunha operación nunha válvula cardíaca recibiu a chamada do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e realizou nos últimos días o exame.
Isto ocorre unha semana despois de que os medios de comunicación da bisbarra publicasen unha nota que explicaba o caso, remitida pola Plataforma Na Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Tratábase dunha proba de especial relevancia para este paciente, unha persoa maior que precisa facer tamén unha biopsia urolóxica, que o servizo de uroloxía non realiza sen un cateterismo previo.
O colectivo lamenta “que a atención sanitaria funcione a golpe de denuncia ou de publicación nos xornais” e que “haxa quen presume de xestión cando somos nós os que lles estamos a facer o traballo”.