O conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, presidiu esta mañá a entrega de 1.437 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Órrea-Galegos, no concello lugués de Riotorto, a case 500 veciños. Deste xeito, dáse por concluído un proceso que afectou unha superficie de 1.270 hectáreas e no cal se investiu preto de tres millóns de euros.
Nun acto no que se “cumpriron todas as medidas sanitarias exixidas”, asegura a Xunta nun comunicado, o conselleiro xunto coa directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron na entrega destes documentos que acreditan a titularidade desas 1.437 parcelas finais. Neste senso, González sinalou que “a superficie media por parcela aumentou considerablemente, xa que ao inicio desta parcelaria había algo máis de 9.000 predios, o que demostra que estes procesos de reorganización do territorio son fundamentais para paliar o minifundismo presente na comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, e reducir os custos de produción das explotacións da zona”, engadiu.
O titular de Medio Rural afirmou que por cada concentración rematada, como a de hoxe, “o Goberno galego iniciará un novo proceso para ordenar o territorio rural, poñer en valor as terras e anticiparse aos lumes”. Nesta liña, González subliñou que a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que previsiblemente se aprobará no Parlamento galego no mes de abril, “seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras”.
PRÓXIMAS ENTREGAS
De feito, González avanzou que o seu departamento ten previsto decretar proximamente dúas novas parcelarias e, ademais, acábase de poñer a exposición pública -no Diario Oficial de Galicia– o estudo previo de iniciación de novos procesos en Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei; en Seoane da Pregación, no tamén lucense municipio de Friol; e en Poulo, na localidade coruñesa de Ordes. “Para seguir traballando nestes procesos de reestruturación da terra, a Consellería do Medio Rural destina máis de 12 millóns de euros neste ano 2021, que se suman aos 118 millóns de euros que se levan investido desde o ano 2009”, resaltou.
Cabe destacar que estas novas reestruturacións parcelarias iniciadas ao abeiro da Metaga, trasladou o conselleiro, teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.
O conselleiro doe Medio Rural anunciou que nos vindeiros meses “entregaranse máis de 4.500 títulos de propiedade doutras sete zonas parcelarias, beneficiando a case 2000 veciños galegos”. Así, González lembrou que a día de hoxe están abertos un total de 96 procesos, pero que en 59 deles os veciños xa fan uso das novas parcelas.