O Concello de Foz, en colaboración coa UNED-Aula Universitaria focega, pon en marcha unha nova iniciativa para os comerciantes e hostaleiros locais: un curso de Introdución ao Marketing Dixital que será gratuíto e sufragado polo Concello. Foi presentado polo alcalde, Fran Cajoto, e a coordinadora de Extensión Universitaria, María Fuensanta Otero.
O rexedor municipal explica que “con este curso pretendemos formar aos empresarios locais nunha nova forma de marketing e publicidade -trasladada ao mundo virtual- baseada na utilización dos recursos tecnolóxicos e medios dixitais existentes para desenvolver comunicacións directas, destinadas a conseguir unha reacción positiva no receptor virtual. O curso inclúe formación en redes sociais como Facebook, Instagram e Twitter, posicionamento SEO para WordPress e titorías personalizadas para cada caso particular”.
AULAS “EMINENTEMENTE PRÁCTICAS” E “PERSONALIZADAS”
Cajoto engade que “a actividade desenvolverase o 26 e 27 de abril en horario adaptado aos horarios comerciais: de 8.00 a 11.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas. Pretendemos que o curso sexa de proveito para o maior número de usuarios posible, por iso se deseñou para que interfira o menos posible cos horarios de apertura dos negocios. Quero dar as grazas ao persoal da UNED por entender as circunstancias e polo gran esforzo feito para adaptarse a uns horarios que non son nada habituais. Seguimos cumprindo co sector, nuns momentos de pandemia que non son nada sinxelos para os negocios”, remarcou.
Otero, pola súa banda, resaltou que “a formación é eminentemente práctica para os profesionais sexan capaces de personalizar un plan de marketing aos negocios actuais adaptándoos ás demandas e ás esixencias do mercado. Tamén lembrou aos participantes da actividade que acudan cos seus ordenadores portátiles e co paquete de Adobe instalado”.
INSCRICIÓNS
Para obter máis información e para inscribirse no curso os interesados poden dirixirse á aula UNED de Foz nos teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549 e no correo electrónico foz@lugo.uned.es.