IniciosociedadeAprobado inicialmente o Plan Básico Municipal de Trabada

Aprobado inicialmente o Plan Básico Municipal de Trabada

O documento clasifica como solo urbano a capital do concello, delimita 53 núcleos rurais e e 73 quedan en solo rústico ao non preverse o seu crecemento

Publicada o

- Advertisement -

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia aprobou hoxe inicialmente o Plan Básico Municipal (PBM) de Trabada, que se converte deste xeito no terceiro concello da provincia de Lugo e no quinto de Galicia que supera este trámite e segue avanzando para dotarse dun novo instrumento de ordenación, previsto na Lei do solo de 2016.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, para notificarlle a sinatura da orde de aprobación inicial do PBM, unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral -37 en toda Galicia- poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

“Cómpre lembrar que para axudar e motivar a estes municipios a tramitar un plan básico, a Xunta decidiu asumir directamente a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito concellos, que xa teñen nestes momentos moi avanzada a tramitación dos seus respectivos PBM (Ribeira de Piquín, Riotorto, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río e Trabada)”, expón o Goberno autonómico.

Deste primeiro grupo de municipios, Trabada é o terceiro que acada a aprobación inicial da Xunta na provincia de Lugo e o quinto de Galicia (despois do Páramo, Triacastela, San Xoán de Río e Cartelle).

CLASIFICACIÓN DE SOLO URBANO E NÚCLEOS RURAIS

Este PBM clasifica como solo urbano o núcleo de Trabada, que ostenta a capitalidade do concello ademais de ser o principal e máis poboado, onde se sitúa a casa consistorial así como outros edificios administrativos e de servizos, con tecido de malla urbana e que cumpre cos criterios legais esixidos na Lei do solo para o solo urbano.

Tamén delimita 53 núcleos rurais dun total de 133 asentamentos de poboación identificados polo Plan Básico Autonómico, polo que 73 destes asentamentos quedan en solo rústico ao non preverse o seu crecemento, primando a rehabilitación das edificacións existentes.

ELEMENTOS PATRIMONIAIS

O plan aprobado hoxe inicialmente tamén recolle as dotacións existentes no termo municipal e, ademais, identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural de Trabada.

Concretamente, no documento catalóganse 21 elementos arqueolóxicos, 24 de tipo arqueolóxico, 14 etnográficos, 1 territorio histórico e 1 artístico.

RIOTORTO, PENDENTE DA APROBACIÓN INICIAL

A tramitación dos primeiros Plans Básicos Municipais “enmárcase no esforzo realizado na última década pola Xunta para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe”, indica o Goberno autonómico.

Neste sentido, seguirase avanzando tamén na tramitación dos outros plans básicos municipais que xa superaron o trámite ambiental co obxectivo de que poidan ser aprobados inicialmente o antes posible, unha situación na que estarían Ribeira de Piquín e Riotorto (provincia de Lugo) e Padrenda e Porqueira (Ourense).

De igual xeito, nun segundo grupo de nove concellos con menos de 5.000 habitantes (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) estanse a realizar xa os traballos técnicos para a obtención da súa cartografía, paso previo á redacción dos seus PBM, “polo que se agarda que en 2021 reciban tamén un pulo definitivo”, conclúe a Xunta.

Outra imaxe da presentación. AXM

A ALCALDESA CRE QUE SUPÓN “UN ANTES E UN DESPOIS” PARA O MUNICIPIO

García Bermúdez, pola súa banda, asegurou que se trata “un día importante na traxectoria urbanística do municipio, xa que a aprobación inicial do Plan Básico Municipal é un gran paso que marcará un antes e un despois na Historia do noso concello e que nos permitirá ordenar o noso territorio”.

A través da aprobación do Plan Básico Municipal “imos ordenar o noso territorio e apostar por un urbanismo responsable na nosa vila. É unha ferramenta necesaria, pero sobre todo un documento respectuoso co futuro deste concello”, valorou.

García Bermúdez destacou que desde o 8 de febreiro de 2016 mantivéronse “dez reunións informativas” organizadas nas parroquias do concello “coa fin de dar a coñecer a delimitación dos núcleos municipais que se establecían no documento previo á aprobación definitiva do PXOM. Un documento iniciado alá polo ano 2003, pero que pasados doce anos estaban aínda nunha fase moi primaria e inicial”, expuxo.

Por iso, “o 15 de marzo de 2017, aprobamos no pleno da corporación a proposta de alcaldía para solicitar á Consellería de Medio Ambiente a redacción do Plan Básico Municipal do Concello de Trabada”, salientou.

NAS VINDEIRAS SEMANAS INFORMARASE SOBRE O DOCUMENTO NAS PARROQUIAS

“Catro anos máis tarde, estamos aquí, cos deberes feitos, e orgullosos do traballo feito ata hoxe”, subliñando “que era prioritario poñer orde urbanístico dentro do noso territorio”. Finalmente, valorou que “ao longo desta etapa traballamos cóbado con cóbado coa Administración Autonómica para poder contar cun planeamento que ofreza garantías de desenvolvemento e crecemento ordenado do pobo”.

García Bermúdez expuxo que “nas vindeiras datas e ao longo de dous meses realizaremos unha exposición pública deste Plan, unha fase fundamental para que os veciños e veciñas reciban a información do mesmo e así mesmo axudarlles a tramitar as alegacións. Para iso faranse reunións nas parroquias“, concretou, agradecendo á Xunta o traballo e pedíndolle tamén “apoio” para “esta última etapa”.

O PP CRE QUE AXUDA A POSICIONAR A TRABADA COMO “REFERENTE” NO EIDO FORESTAL

O portavoz do PP de Trabada, José María Fernández, destacou que “o Plan Básico Municipal, xunto cos mecanismos que se poidan poñer en marcha ao amparo da Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, son instrumentos para seguir posicionando ao noso municipio como referente no eido forestal”. Así, cualificou o documento como “fundamental para o desenvolvemento do concello.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...