Once dos 16 concellos da Mariña levan 14 días ou máis sen rexistrar casos novos

Só Viveiro, Xove, Burela e Riotorto teñen casos novos nos últimos sete días; o Hospital da Mariña atende un paciente con Covid-19

Sanitarios realizan probas de detección de coronavirus en Burela. EFE/ELISEO TRIGO

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo aumenta a 185, tres máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este xoves polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse oito positivos novos por PCR.

Dos 185 contaxiados, 13 permanecen ingresados (dous deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os once pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (nove), o Hospital Público da Mariña (un) e o centro hospitalario de Monforte (un).

No histórico da provincia documéntanse 211 defuncións, 11.578 altas e 11.979 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 202.328 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 737 probas.

No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, Viveiro (cunha taxa de incidencia acumulada menor a dez positivos por 100.000 habitantes), Xove (con entre 26 e 75), Burela (con entre 26 e 75) e Riotorto (entre 126 e 250) son os concellos da Mariña onde se detectou algún caso, sempre menos de dez, nos últimos sete días. No resto dos termos municipais da comarca non se localizaron novos contaxios nese mesmo prazo dunha semana.

Ademais, O Vicedo, Ourol, Cervo, Foz, Barreiros, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e A Pontenova non rexistran novas infeccións desde hai alomenos 14 días.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here