IniciosociedadeAprobadas inicialmente as ordenanzas de praias e de limpeza e xestión de...

Aprobadas inicialmente as ordenanzas de praias e de limpeza e xestión de residuos de Ribadeo

Os documentos estarán en exposición pública durante un mes para quen queira poida presentar alegacións

Publicada o

- Advertisement -

No pleno ordinario do Concello de Ribadeo, celebrado onte, tomou posesión do seu cargo o novo concelleiro, Marcos Villamil, que se fai cargo da Área de Medio Rural trala demisión de Jesús Mundiña. Na sesión foron aprobadas inicialmente as ordenanzas de praias e de limpeza e xestión de residuos, que agora estarán en exposición pública durante un mes para quen queira poida presentar alegacións. O equipo de goberno deu conta da doazón dunha escultura para o cemiterio municipal de Ove.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, contou que “demos tamén conta neste pleno da doazón dunha escultura que irá destinada ao cemiterio municipal de Ove, dado que o seu doante, que é veciño e ademais un artista de profesión recoñecido, quixo que esta súa obra fose destinada de xeito gratuíto ao camposanto”. Trátase de Miguel Ángel Gómez Martínez.

Suárez Barcia sinalou que “non aprobamos dúas mocións do Partido Popular por entendelas profundamente demagóxicas e reiteradas ademais en canto ás posibilidades de actuacións municipais contra a Covid-19. Neste senso, desde o Concello, sempre dentro das nosas posibilidades económicas e competencias legais, facemos canto está na nosa man, con exencións no cobro das terrazas aos bares para todo este ano 2021, igual que xa fixemos desde marzo a decembro de 2020, e a bonificación nos recibos da auga, do lixo e do saneamento durante os períodos de peche forzoso. Para iso, os titulares de establecementos que aínda non o fixeran poden solicitalo sen problema. Incluso tamén levamos a cabo campañas potentes como a da moeda local, coa Pancha, que dinamizaron moito o movemento económico e comercial da vila. Agora estamos preparando unha nova e potente actuación neste senso e que daremos a coñecer nos próximos días”, indicou.

APOIO Á FROTA DE BAIXURA

O alcalde de Ribadeo dixo que “aprobamos tamén unha moción que presentou unha coordinadora galega para un reparto xusto dos fondos europeos, sobre todo no senso de pedirlle á Xunta que bote luz sobre todos estes proxectos que se están dicindo, deste diñeiro dos fondos de reconstrución que realmente desde os Concellos pouco sabemos. Hai quen di que unha parte vai vir para os municipios, hai quen non di nada. Sabemos que se anuncian nalgúns medios de comunicación determinados proxectos, pero que non hai transparencia para iso. Polo tanto, acordamos por unha ampla maioría aprobar esta moción para dirixir ao parlamento de Galicia e tamén ao Goberno galego”, concretou.

Suárez engadiu que “finalmente tamén aprobamos unha moción de urxencia que se presentou pola confraría de pescadores de Ribadeo, en coordinación con outros pósitos do país, solicitando unha modificación do regulamento europeo que vai entrar en vigor dentro de pouco, que non trata o ben que debería tratar á frota de baixura, que é a maioría que temos nesta comarca e especialmente en Ribadeo, e que de aplicarse tal e como está establecido neste regulamento da Unión Europea vai ser francamente negativo para a nosa flota artesanal, por iso que todos de maneira unánime aprobamos esta proposta”, manifestou.

O PP LAMENTA O NON A ESTABLECER AXUDAS ECONÓMICAS PARA SECTORES “ESTRATÉXICOS” E E EMPRESAS

Pola súa banda, Daniel Vega, voceiro do PP ribadense, lamentou a dinámica “do non polo non” do goberno nacionalista. Os conservadores criticaron a votación en contra de establecer axudas económicas para os sectores estratéxicos e as empresas afectadas, dado que “sorprendentemente” o executivo municipal “anunciou que non ía cobrar os impostos de lixo e auga pero están chegando os recibos e fano cunha burocracia que é absurda”, indicou.

“Dixeron non á estratexia do Xacobeo 21-22 e a pedirlle á Xunta que arranxe o albergue, que invista no trazado do Camiño Norte e que que apoie a creación dunha marca comercial de Ribadeo como porta do Camiño Norte. Dende logo isto sería unha medida de impulso. É verdade que o BNG nos votou que non pero nós imos traballalo directamente co Goberno galego e imos xestionar axudas para levar a cabo estas tres actuacións”, adiantou Vega.

A terceira moción que recibiu os votos en contra do BNG foi á petición do grupo municipal popular de establecer  unha comisión de seguemento para analizar profunda e absolutamente a herdanza do doutor Moreda, coa fin “de arranxar o Hospital Asilo. O BNG segue ocultando información e votou que non á creación dunha comisión de seguimento”, lamentou Vega.

Tampouco saíron adiante as mocións dos conservadores para melloras en Rinlo ou nas estradas da Deputación.

O PSdeG RECLAMA A MELLORA DAS ESTRADAS DA MADANELA E DA COSTA

O PSdeG de Ribadeo reclama unha solución para os veciños do Barrio da Torre, en Vilaselán. Así o avanzou a voceira socialista, Marta Rey, trala celebración plenaria do mes de marzo, na que interpelou ao goberno local sobre a ampliación deste vial. “O Concello recoñeceu que é unha situación complicada, pero que trata de solucionar”, expuxo.

O grupo socialista tamén demandou, a través dun rogo, que se mellore a estrada da Costa, debido o mal estado no que se atopa. “Solicitamos que se acondicione de xeito provisional, aínda que sexa de maneira parcial, mentres non se actúa sobre a totalidade desta infraestrutura”, explica Rey.

Ademais, “reclamamos a mellora do firme no barrio da Madanela (Villaframil), sobre todo na pista que pasa por diante da capela, e que se instalen novos puntos de luz, moi necesarios nesta zona”.

Nesta sesión plenaria, Rey emprazou ao alcalde “a que se reúna con outros alcaldes da zona fronteiriza, para que propoñan de xeito conxunto que se suprima o peche perimetral, xa que está afectando moi negativamente ó occidente asturiano e o oriente galego. Todos queremos se cumpran as normas sanitarias, pero tamén queremos vivir e traballar, por iso, entre todos temos que buscar unha solución a situación que estamos vivindo por mor do peche, iso si, atendendo sempre as recomendacións sanitarias”, insistiu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...