O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda impulsará cinco experiencias turísticas paquetizadas para atraer visitantes á Mariña Lucense ao longo do ano.
Os paquetes turísticos, con varios días de duración, agruparán a un total de oito establecementos de hostalería, 29 recursos turísticos, doce municipios, once restaurantes e 27 produtores e museos.
O GDR sinala que os protagonistas das experiencias turísticas foron seleccionados por motivos de, entre outros, “equidade territorial e fomento do turismo sostible”.
As experiencias desenvolveranse en tempada baixa, o que axudará a “desestacionalizar o turismo”, un “obxectivo prioritario” para o GDR.
PROGRAMA
‘Un soño gastronómico‘, ‘Patrimonio máxico‘, ‘Segredos de Miranda‘, ‘Delicatessen na Mariña‘ e ‘Cultura do mar‘ son os títulos dos paquetes. Podes consultar o programa completo de cada un deles neste enlace.
PROXECTO
A inciativa englóbase no proxecto Terras de Miranda-Turismo de Lugo, financiado con fondos europeos e que afecta aos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá e Trabada.
Ao longo dos últimos seis meses, o GDR fixo un plan de captación do que resultou un incremento das empresas adheridas ao proxecto.
AVALIACIÓN DE CALIDADE
Tamén se realizaron visitas de avaliación de calidade en máis de 30 negocios. Posteriormente farase un diagnóstico de puntos fortes e febles para a elaboración de futuros proxectos.
A organización de talleres de márketing foi outra das iniciativas que se realizaron no proxecto.
PRESENTACIÓN
O GDR presentou estes resultados nun acto no pazo de San Tomé de Lourenzá.