IniciosociedadeAprobados os orzamentos de Viveiro, con 850 euros en axudas para cada...

Aprobados os orzamentos de Viveiro, con 850 euros en axudas para cada negocio que non as recibiu en 2020

Partido Popular e BNG votaron en contra das contas pactadas por PSdeG e Por Viveiro, mentres que o concelleiro non adscrito abstívose

Publicada o

- Advertisement -

O pleno ordinario desta tarde no Concello de Viveiro aprobou os Orzamentos Municipais para o exercicio 2021, grazas ao acordo establecido entre o equipo de goberno e o grupo municipal Por Viveiro, dando deste xeito continuidade aos xa pactados en 2020. Partido Popular BNG votaron en contra das contas, que o concelleiro non adscrito apoiou.

O executivo municipal do PSdeG defendeu que son “uns orzamentos de emerxencia, nos que se primou a axuda social e enfocados a atender ás consecuencias sanitarias e económicas derivadas da pandemia provocada polo Covid-19“.

O montante do orzamento deste exercicio 2021 ascende a 13,1 millóns de euros, un millón de euros menos que no 2020, tanto en ingresos como en gastos. Segundo salienta o Concello, “unha gran parte desta redución está motivada polo cambio de taxa por tarifa nos recibos da auga e lixo, que foi aprobado en pleno en base á lexislación vixente”.

Outra parte desta redución no orzamento deriva da obra xa realizada en base á sentenza referida ao inmoble situado na rúa Nicolás Cora Montenegro, 50. “Ao tratarse dunha baixada idéntica no capítulo de gastos e ingresos, isto non afecta á prestación de ningún servizo”, argumenta o goberno municipal.

AXUDAS A ASOCIACIÓNS

Entre as diversas partidas, mantéñense as axudas a asociacións culturais e deportivas. En subvencións nominativas a clubs deportivos inclúense un total 57.300 euros a repartir entre 23 asociacións ou entidades deportivas. Para eventos deportivos organizados por estes colectivos, recóllense 31.000 euros. No eido cultural, destínanse 41.000 euros.

Entre as subvencións nominativas, tamén se inclúe unha á Asociación de Familias de Enfermos de Alzheimer, consignando un total de 15.000 euros.

Resérvanse 15.000 euros para as asociacións comerciais do municipio (10.000 para a Asociación do Centro Comercial Histórico e 5.000 euros para a Asociación Beiras de Viveiro) para campañas promocións comerciais (ademais das que poida realizar o propio Concello para todo o tecido comercial). Ademais, as pemes estarán eximidas -coa exención aprobada en pleno das ordenanzas 13 e 6- das taxas pola instalación de terrazas na hostalería e dos pagos das licenzas por novas actividades ou por cambio.

HOSTALERÍA E COMERCIO

En relación ao Plan de Reactivación Económica iniciado o pasado ano, nos orzamentos de 2021 inclúense unha cantidade de 200.000 euros, con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo, destinada a subvencións para a axuda a establecementos de hostalería e comercio en xeral.

Unha parte irá destinada soamente a hostalería, o que está previsto que se faga a través dun convenio coa Xunta de Galicia, dentro do segundo Plan de Rescate autonómico, no que se incluirá unha partida propia do Concello de Viveiro. O importe das axuda que o Concello de Viveiro concederá a cada hostaleiro ascende a 1.000 euros.

Outra parte irá destinada a aqueles comercios e establecementos que, por diversos motivos, non puideron beneficiarse e acadar as subvencións convocadas polo Concello no pasado exercicio, incluídos aqueles que o ano pasado non podían optar a estas axudas e tamén aqueles que, solicitándoas, nese momento non cumprían os requisitos, concedendo un importe de 850 euros a cada beneficiario desta liña de axudas.

45.000 EUROS PARA EMERXENCIA SOCIAL

No Plan de Reactivación Económica “tamén se entenden incluídas as exencións das ordenanzas referidas; e a contía destinada a emerxencia social, que ascende a 45.000 euros e o acordo coa empresa concesionaria do servizo de auga para non cobrar o recibo de auga e lixo para os locais que estiveron pechados forzosamente pola pandemia durante dito período”, concretan desde o executivo municipal.

200.000 EUROS PARA O SAF

O próximo día 9 de abril de 2021 poranse ao cobro os recibos dos servizos de abastecemento de auga potable, sumidoiros, depuración de augas residuais e recollida de lixos, correspondentes ao primeiro trimestre de 2021. O desconto os establecementos pechados neste primeiro trimestre farase efectivo no cobro dos recibos correspondentes ao segundo trimestre deste servizo.

No tocante ao Servizo de Atención no Fogar, a reservada é de 200.000 euros, con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo.

POR VIVEIRO DEFENDE QUE “É O MOMENTO DE ACORDAR”

Por parte de Por Viveiro, Manuel Galdo defendeu que “é o momento de acordar para tirar para diante” e valorou que os orzamentos “acollen moitas das nosas propostas”, valorando a contía para “emerxencia social, con 45.000 euros”, ou darlle ao “barrio de Xunqueira“, afectado hai dous anos por unha riada que provocou a morte dunha persoa, “unha atención importante, cunha partida de 94.000 euros”.

A aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no primeiro trimestre de 2022 é outro dos acordos entre o PSdeG e Por Viveiro, segundo expuxo Galdo, entendendo que o documento “tamén axudará a unha reactivación económica”.

O PP LAMENTAN QUE “NON HAI PARTIDAS PARA INTERVENCIÓNS URBANÍSTICAS”

O PP amosouse crítico a través dun comunicado, dado que entende que “unha vez máis, o goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, chega tarde e mal, porque o orzamento municipal debeu ser aprobado en decembro, para que entrara en vigor nas primeiros días de xaneiro”.

Os conservadores lamentan que “non hai partidas que permitan impulsar as intervencións urbanísticas que precisa a cidade, nin apoio á xeración de emprego e moito menos capacidade para o desenvolvemento de políticas sociais activas, tan necesarias nun tempo de crise como o actual”.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, indica que o proxecto de orzamento xeral do concello baixa, con respecto ao do ano pasado, en case un millón, de maneira que pasa de 14 a pouco máis de 13 millóns, “dos que só 241.808 euros corresponden a investimentos reais. “Mal empezamos porque é evidente que a crise económica xerada pola pandemia de covid-19 esixe unha implicación municipal con todos os recursos dispoñibles”, di o edil popular.

Da “pobreza” das contas deseñadas por Loureiro e o seu equipo para o presente exercicio económico “dan idea algúns datos”, asegura o PP: “para apoio aos migrantes, en 2019 había 87.000 euros; no proxecto para este ano, 3.000 euros. Para outros servizos complementarios de Educación, no 2019, consignáronse 115.000 euros, mentres que para o ano en curso non hai nada; para orientación laboral, no 2019, o Concello de Viveiro reservou 38.000 euros, que se quedan en 100 euros para este ano. En Igualdade pasouse de 65.600 euros no 2019 a 11.150 neste proxecto orzamentario. Para axudas ao pequeno comercio, aos autónomos, no 2020 había 400.000 euros; no actual, só 200.000″, critican os conservadores.

O BNG CRE QUE O CONCELLO “NON FIXO OS DEBERES” PARA ACADAR “NOVAS VÍAS DE INGRESO”

O BNG, pola súa banda, criticou que o goberno municipal “non fixo os deberes” no tocante á “necesidade de traballar na busca de novas vías de ingreso”. Así, a concelleira dos nacionalistas, Míriam Bermúdez, lamentou que “non se foi capaz de lograr o compromiso das Administracións, como a Deputación ou a Xunta, para manter os importes das axudas que viñan concedendo anualmente a eventos culturais e turísticos celebrados anualmente en Viveiro”.

Bermúdez tamén censurou que o Concello “segue sen ser quen de solventar co goberno central do PSOE a cesión da escola vella de Celeiro” para a reubicación da Escola de Idiomas e así poder dotar a Aspanane do centro residencial comprometido.

A edil nacionalistas tamén afeou ao goberno municipal que “segue sen sentarse coa Mancomunidade de Concellos da Mariña e a Fegamp para facer un fronte común ante a Xunta para negociar a inclusión do Conservatorio de Música coma o de Viveiro na Rede de Conservatorios da Consellería de Educación”.

Ademais, Bermúdez expuxo que o Plan de Reactivación “non é máis que unha repesca para algún dos sectores aos que se deixou atrás hai un ano”, e contrapuxo que se fale “dunhas contas feitas pensando nas familias mentres a carga tributaria que teñen que soportar segue sendo a mesma”, reclamando un plan de pagos personalizado dos tributos locais.

O EDIL NON ADSCRITO APOIA UNHAS CONTAS “DE CONTINUIDADE”

Pola súa banda, o concelleiro non adscrito, Luis Manuel García Otero, votou a favor duns orzamentos “de continuidade“. Valorou que se aumenta “ata 1,8 millóns” a partida para servizos sociais, o que “non é un motivo de alegría dada a Covid-19 pero é de xustiza social”. Valorou que “un gran número de negocios que quedaron fóra” das subvencións previstas no anterior exercicio poidan beneficiarse este ano e esperou que se poidan destinar integramente os 200.000 euros previstos para ao alivio de comercios, bares e restaurantes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...