O Concello da Pontenova cuantifica “50 veciños desatendidos” ao longo da última semana no centro de saúde do municipio, logo de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) cubrise este mércores a un médico que está de baixa.
Un dos dous galenos do centro de saúde falta desde o pasado xoves, e o goberno local lembra que “non foi ata este mércores, tralas reclamacións e a denuncia pública desta situación”, cando a Xunta de Galicia substituíu ao profesional.
O alcalde da Pontenova, Darío Campos, enviou unha carta á Xerencia de Atención Primaria do Sergas para recriminarlle que “50 veciños quedaron sen atención, o que podería ter sido máis grave de xurdir unha urxencia”.
O goberno local pontenovés agarda que a substitución do galeno de baixa sexa a tempo completo ata a súa reincorporación.
COMPROMISO
Nunha reunión cos veciños na pasada primavera para abordar a supresión da praza dun médico que se xubilou, o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo Cervo e Monforte prometeu, segundo o alcalde, que “A Pontenova sempre tería dous médicos dispoñibles”.
Campos esixe ao Sergas “que cumpra coa palabra dada”. Segundo o goberno local pontenovés, o dirixente do Sergas comprometeuse a que, “de producirse unha baixa, sería cuberta nese mesmo día“.
PSX
A comunidade da Pontenova reclama tamén que se cubra a vacante dun traballador de Persoal Xeral Sanitario (PSX), xa que as chamadas para pedir cita son derivadas á central de Santiago de Compostela, que en ocasións non solventa as necesidades dos veciños.