‘O tempo en Foz’, a información meteorolóxica que ten en conta “as particularidades” da Mariña

Adrián Naray. CEDIDA

Con aínda vintepoucos anos, pois naceu no 1997, graduado en Física pola Universidade de Compostela (USC) e especializado en Meteoroloxía pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), o focego Adrián Naray vai pouco a pouco converténdose nunha referencia para os que queren informarse sobre o clima na Mariña Lucense. Co seu blogue ‘O tempo en Foz‘, ademais dunha intensa actividade nas redes sociais, como Facebook, Twitter ou Instagram, fai a información microlocal que moita xente bota en falta, e tamén divulgación científica para o público non experto.

EN BLOGUE E NAS REDES SOCIAIS

P. Como xurde a idea de facer este blogue?

R. Cúmprense dous anos en agosto. Fíxeno porque estaba farto de que se dixese en prensa ou na televisión: “veñen días de sol á Mariña”, cando o que viñan son nubes de estancamento. Ou “vai chover en toda Galicia”, cando aquí non chovía e facía sol. Hai unhas particularidades, temos as serras bastante próximas, non só a do Xistral, que afectan ao clima, aínda que é certo que o punto máis alto é o Cadramón, con 1.000 metros. Hai que ter en conta a orografía, que cambia todo, e entender os distintos modelos.

É curioso como o tempo nos afecta a todos, é do primeiro que falamos cando non sabemos que dicir. Pero falta unha certa divulgación, máis alá dos partes?

O tempo é algo do que todo o mundo fala e do que todo o mundo cre que sabe, pero non é tan sinxelo. Non te podes fiar simplemente do que digan as Apps. Lin críticas en Foz do sectores turísticos porque daban mal tempo para Semana Santa e houbo cancelacións, o mesmo pasou en Asturias. Pero non entendo por que, porque eu fixen unha pequena predición do que podería acontecer e creo que cumpriuse bastante, aínda que nos primeiros días tivemos ese aire subsahariano que non deixaba ver. Para despois o prognóstico era de nubes de estancamento e foi así. Hai que ter en conta que a atmosfera é un caos.

AS NUBES DE ESTANCAMENTO

Falas desas nubes de estancamento, das que moitos falan como parte da paisaxe da Mariña (risadas).

Si, estamos en Martiñán e xa parece que vamos chegando á casa (risadas). O que acontece é que veñen ventos do Norte ou do Nordés, que se atopan con esas cadeas montañosas que temos tan próximas ao litoral. Está o exemplo do Fiouco. Non poden avanzar, así que vense obrigados a ascender. Esas masas, que son moi húmidas, porque veñen do Cantábrico, perden temperatura conforme ascenden, arrefríanse.

“CANSEIME UN POUCO DE QUE SE DIGA: ‘CHOVE EN TODA GALICIA’, CANDO ves que aquí non vai ser así. A OROGRAFÍA MARCA TODO”

Cando as masas son máis cálidas, conteñen máis vapor de auga, as moléculas dos gases que conformaron o aire son máis veloces e enérxicas e expándese o espazo. Ao haber máis espazo, pódense colocar máis moléculas de vapor de auga dentro desa parceliña ou bolsiña de aire. Se hai máis moléculas de vapor de auga, ao ascender e arrefriarse, chega un punto en que o aire non pode con máis. Así prodúcese unha condensación, prodúcense esas gotiñas de nubes, que ademais se forman sobre os núcleos de condensación, basicamente aerosois. Aquí, desde o Cantábrico e por mor dos fluxos marítimos, veñen cargados de sal, o que favorece a formación desas nubes. Iso fai que por veces non se disipen en todo o día.

O CLIMA NA COMARCA

As néboas do interior de Lugo en inverno, por exemplo, disípanse co vento, pero aquí ocorre ao contrario, refórzanse co aire. Só se disipan cun punto de velocidade preciso, nin moi forte nin moi calmo, penso que entre 35 e 40 quilómetros/hora. E todos sabemos que ese Nordés é máis habitual en primavera e no verán, porque temos o anticiclón no Noroeste da Península traéndonos ese Nordés que choca coas barreiras orográficas e ascende. E aínda por riba, próducese unha inversión térmica, porque as masas de aire frío atopan masas máis cálidas, máis lixeiras, que fan de tapón.

Moitas veces queixámonos desas nubes. Pero cal é o efecto que teñen sobre a nosa temperatura, fana máis benigna?

Desde logo, suavizan a temperatura, por iso non lles gustan aos bañistas no verán. Pero tamén fastidian á xente que quere que chova, como os labregos, así que parece que non contentan a ninguén. Desde o meu punto de vista agradézoas moito, porque non me gusta o sol en exceso. Penso que o tempo da Mariña é moi bo, suave, estamos todo o día a queixarnos sobre o moito que chove pero non é certo, por exemplo cando hai vento sur o Xistral fai de barreira e as precipitacións danse principalmente na zona das Rías Baixas. Cando hai Nordés, Norte ou Noroeste, si descarga máis.

“PENSO QUE O TEMPO DA MARIÑA É BO, SUAVE, QUEIXÁMONOS DO MOITO QUE CHOVE PERO NON É CERTO”

NÉBOA E AUTOVÍA

Fixeches o teu traballo de fin de grao sobre a problemática das néboas orográficas da autovía A-8, que ademais resultou premiado “ex-aequo” en 2019 co premio ao mellor TFG científico escrito en galego na USC. Que conclusións sacaches? Eran previsibles antes da súa construción estes cortes de tráfico constantes na autovía?

Se se tivese en conta un informe meteorolóxico, que non foi realizado realmente en condicións antes senón a posteriori, saberíase completamente o que ía pasar. Penso que é lóxico que os veciños advertiran.

Todo o mundo sabía que a autovía ía ter máis néboa simplemente porque está a maior altitude, e iso é certo; hai maior probabilidade de niveis de condensación a maior altura. Vémolo por exemplo coas cotas de neve, 700 metros, 800 metros, etcétera. Pero a min sorprendeume, por exemplo, que a autovía foi construída a barlovento da montaña e dos ventos de compoñente Norte e Nordés. En cambio, un tramo paralelo da Nacional 634 está a sotavento. Iso implica que a autovía está feita sobre un lugar onde son probables eses ascensos de aire, mentres que a Nacional está feita sobre un espazo que favorece os descensos de aire. Deste xeito, normalmente hai moita máis néboa, e máis densa, onde está a A-8. O día que se produciu o accidente no Fiouco, á unha da tarde só había mala visibilidade nesa área e noutro único punto da provincia de Lugo.

“A AUTOVÍA FÍXOSE A BARLOVENTO DA MONTAÑA E DO NORDÉS, NUN SITIO NO QUE SE FAVORECE A ACUMULACIÓN DE NÉBOA”

SOLUCIÓNS

Supoño que segues con expectación os catro prototipos que se están a ensaiar para subsanar os problemas coa néboa. Ves factible unha solución?

Espero que si, porque supoño que hai xente moi intelixente traballando para iso. Agardo que polo menos se poida disipar. Os prototipos teñen boa pinta e ogallá funcionen. O que deixa claro a autovía é que hai que ter máis en conta a información meteorolóxica. Aquí historicamente non se activaban avisos por néboa, non abundaban. É posible que se isto sae ben marque un precedente. Podería quizais aplicarse algunha destas solucións en lugares de Castela nos que teñen problemas non iguais, pero tamén a partir da néboa. Unha solución para o Fiouco podería supoñer un fito a nivel español e quizais mesmo a nivel internacional.

“UNHA SOLUCIÓN PARA O FIOUCO SERÍA PROBABLEMENTE PIONEIRA TANTO EN ESPAÑA COMO INTERNACIONALMENTE”

EXPRESIÓNS

Unha iniciativa dentro do teu blogue que chama a atención é a recollida de palabras e termos propios da Mariña en relación coa meteoroloxía.

A palabra máis típica quizais é barruzo; aquí todos o coñecemos, pero a xente en Santiago, no tempo que estudei alí, mirábame mal cando me refería así ao orballo. Un día puxen “o vento do cabo”, que é como lle chamamos en Foz ao Noroeste, porque vén como de Burela. E tamén extrañou. Aí foi cando pensei que estaría ben compilar todo isto. A palabra vrau para referirse ao verán, que case non se emprega noutros lados. Tamén refráns: “cando hai Nordés non chove, e se chove, ata as pedras move”.

“HAI MOITAS PALABRAS E REFRÁNS QUE VOU RECOLLENDO. BARRUZO, POR EXEMPLO, É ALGO MOI NOSO E EN SANTIAGO NON SE COÑECÍA”

Para un meteorólogo, son verdadeiras esas frases dos antergos, amosan unha observación da meteoroloxía fiable ou ás veces son rebatibles?

Esa desde logo si, e tamén moitas outras que se cumpren. Se hai Nordés, habitualmente temos nubes de estancamento, pero se é moi forte, soe vir cunha fronte que trae chuvia. Tamén que se di que cando hai Nordés en Foz, “no mar hai ovellas”. Fixándote, é certo. O mar está picado e ten esa forma. Outra é “a néboa en Comado, auga de contado”. A xente maior sabe moito, eu aprendín moito do meu avó sobre o mar.

AXUDAR

Cando che picou o verme da Física e da Meteoroloxía?

Non foi por ver ao home do tempo na tele (risadas), pero si que me gustaba moito mirar as temperaturas. O outro día atopei un Excel que fixen con dez ou doce anos sobre as temperaturas en Foz tanto á mañá como á noite nos meses de xuño, xullo e agosto. Logo si que medrei con Martín Barreiro, que é un meteorólogo prestixiosísimo, claro, e un orgullo para a provincia de Lugo. Fixen prácticas en Aemet en Madrid e en Meteogalicia e encantáronme, axudáronme e ensináronme moitísimo. Supoño que me gusta isto porque quería axudar á xente, a quen necesite saber, por unha actividade que ten que facer, se vai chover ou non, que tempo vai facer. E co blogue trátase diso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here