EFE. A velocidade máxima de circulación pola Autovía do Cantábrico (A-8) quedou limitada a 60 quilómetros por hora entre os municipios de Mondoñedo e Abadín, como consecuencia dos densos bancos de néboa que dificultan a visibilidade e condicionan a seguridade dos propios usuarios.
O nivel de servizo vermello quedou establecido no Alto do Fiouco, entre os quilómetros 536 e 552, ás 06:47 horas deste mércores -día 14 de abril-, como consecuencia da “visibilidade reducida” nese tramo de autovía. Aos condutores que transitan por ese tramo avísaselles da limitación mediante os correspondentes paneis luminosos.
Os problemas coa néboa nese punto da Autovía do Cantábrico son recorrentes e, de feito, está en marcha un proxecto de Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a instalación de prototipos sobre o terreo que permitan avanzar en solucións alternativas para superar esta situación.