“Soubemos no Concello, por información das autoridades Sanitarias do Sergas de que o número de positivos por Covid19 en Ribadeo xa ascende a 12 persoas. Tamén sabemos que a mais persoas se lles están a facer as probas necesarias para confirmar ou non novos positivos”.
Así se expresou este sábado o alcalde de Ribadeo Fernando Suárez, tras coñecer o aumento de casos no concello ao tempo que fixo un chamamento á poboación para que “estremen as precaucións nos comportamentos individuais e colectivos”.
“Debemos ser conscientes que se a situación segue a medrar nos vindeiros días é posible, e moi probable, que as mesmas autoridades sanitarias rematen por cambiar a categoría de seguridade sanitaria na que Ribadeo leva unha boa temporada. Iso supoñerá irremediablemente unha limitación das capacidades dos negocios, das tendas, bares, restaurantes, etc”, advertiu.
Por iso, insistiu en “estremar” as precaucións nos comportamentos individuais e colectivos e aclarou que “non se trata de que as forzas de seguridade fagan ou seu traballo, que o fan, senón de que actuemos todos e todas con responsabilidade”.
“Todos vemos xa que o final do túnel está a tiro de pedra. Non vaia ser o demo de que antes de chegar a el teñamos que pasar por outra xeira de confinamento”, concluíu.