O vindeiro sábado 24 de abril, ás 11:00 horas, a Catedral-Basílica de Mondoñedo acollerá a ordenación sacerdotal do mozo Jaime Iglesias García logo de que non se producira ningunha desde o 2016.
O domingo 25, o xa ordenado sacerdote oficiará por primeira vez a eucaristía na igrexa parroquial de Santa María de Caranza, en Ferrol, ás 17:00 horas. Nado na Habana en 1988, Jaime realizou alí o seu descubrimento da fe, concretamente na parroquia da Medalla Milagrosa de Guanabacoa.
Con doce anos aterrou en España e integrouse na parroquia ferrolá de Santa Icía de Trasancos. Foi o seu párroco, Manuel Ladra López, quen o convidou a ingresar no Seminario de Mondoñedo, onde estudou tres anos, unha etapa que, como o propio Jaime describe, “axudoume a ir querendo máis esta terra, xa que como seminarista diocesano é moi importante coñecer e querer a terra na que vives”.
Trasladouse a continuación a Santiago de Compostela, onde realizou o bacharelato e cursou os seus estudos como seminarista maior, estudos que realizou en dúas etapas, a segunda delas tras un período de varios anos de vida secular -“porque nun momento da miña vida, sentín temor ao ver ao que Deus me chamaba, non me vin capaz de estar á altura dos seus designios”-, tras o cal sentiu a profunda necesidade interior de retomar o camiño vocacional, completando a súa formación teolóxica en Salamanca e, de novo, na capital galega.
Durante estes últimos anos Jaime veu compaxinando a tarefa formativa coa colaboración en varias parroquias da diocese: primeiro en Santa María do Campo de Ribadeo e, posteriormente, na parroquia de Santa María de Caranza. En agosto de 2020 foi ordenado diácono na Concatedral de San Xiao de Ferrol, cerimonia que tamén foi presidida polo pai Luís Ángel.
A cerimonia, que será retransmitida en directo a través da canle diocesana de YouTube, estará presidida polo bispo de León, monseñor Luis Ángel de las Heras Berzal, último pastor da Diocese de Mondoñedo-Ferrol -administrada actualmente polo sacerdote Antonio Valín Valdés ata que se produza un novo nomeamento-.