A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica hoxe a licitación do contrato de obras para a rehabilitación integral do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Gregorio Sanz de Ribadeo, ao que destina un orzamento de 1.005.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o colexio para explicar á comunidade educativa o proxecto, que, dixo, suporá “unha profunda reforma para mellorar a estética, o confort e a eficiencia enerxética”. Lembrou ademais que esta actuación levarase a cabo seguindo as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da administración para un modelo de escolas que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas do futuro e que suporá un investimento de 191 millóns de euros.
As obras reportarán un aforro anual do 44% tanto no consumo enerxético final como en emisións contaminantes á atmosfera. En concreto, no que se refire ao gasto en calefacción prevese un aforro de máis do 62%.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 12 de maio para presentar as súas ofertas. As obras terán unha duración de sete meses e, na medida do posible, compatibilizaranse co normal desenvolvemento das clases, aínda que se aproveitarían os períodos de vacacións se fora imprescindible para acometer algúns traballos.
AXENCIAS