Os usuarios e traballadores do Centro de Atención a Maiores de Trabada celebraron este domingo o segundo aniversario da apertura desta residencia da Deputación de Lugo. Ao longo de toda a xornada desenvolvéronse diferentes actividades, pero unha delas foi moi especial: un brinde virtual ao que se uniron familiares e amigos que non se quixeron perder esta xornada festiva.
A mañá solleira permitiu que gran parte das actividades se realizaran no patio do centro, onde se instalaron carpas que permitiron a presenza da banda de música Sons e Soños. Mantendo as rigorosas medidas fronte á Covid-19 de distanciamento social e protección individual, foi posible un concerto en directo que animou aos residentes a bailar e a aplaudir ao ritmo da música.
O brinde virtual tivo lugar ao mediodía e permitiu que as familias, as amizades, residentes doutras residencias provinciais e persoal do centro que non estaba de maneira presencial neste día, puideran compartir este momento en directo conectándose a través dos seus ordenadores e teléfonos móbiles. Á súa vez, tamén penduraron das paredes da residencia cartas e debuxos que lles fixeron chegar os seus achegados para felicitalos por estes dous anos de convivencia.
Segundo informa a Deputación de Lugo nun comunicado, no Centro de Atención a Maiores de Trabada serviuse neste día de celebración un menú especial e os usuarios e traballadores gozaron dunha tarde de xogos e obradoiros.
A rede de centros de maiores da Deputación de Lugo ten en funcionamento 5 centros na provincia: Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, coa previsión de que neste 2021 abran os de Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna.