Un grupo de veciños do barrio de A Torre, en Vilaselán (Ribadeo) estouparon tras máis de 36 anos pedindo un acceso digno as súas vivendas que, actualmente, non deixa de ser un camiño de carros como era hai 50 anos. Trátase dun camiño duns 290 metros, pero 190 encóntranse coa mesma anchura que cando só circulaban por el os carros do país.
“É tal o seu estreitamento que dificulta, e nalgúns casos impide, o paso os viandantes cando se atopan con algún vehículo, poñendo nunha situación de risco para a integridade física ás persoas maiores e tamén a todas aquelas con mobilidade reducida”, apuntan os veciños.
O 27 de Abril de 2008, 11 meses despois de ser nomeado Fernando Suárez Barcia alcalde de Ribadeo, tiveron unha primeira reunión para informalo de primeira man de todo o procedemento seguido con anterioridade. “Nesa primeira reunión díxosenos que ata que non estivera o novo Plan de Urbanismo aprobado non se podía tomar decisión algunha”, sinalan nun comunicado. Pero o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobouse o 14 de novembro de 2014 e a pesar de varias reunións e escritos remitidos á alcaldía a situación non cambiou a pesar dalgunhas xestións do alcalde.
“O que vimos reclamando desde hai 36 anos non é outra cousa máis que un acceso digno, non estamos a esixir unha avenida como Rosalía de Castro, soamente estamos a reclamar unha vía que nos permita a circulación tanto de persoas como de vehículos”, insisten.