As traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar están en folga para reclamar “estabilidade” nos seus postos de traballo e denunciar o “abuso” da Xunta.
Unha protesta que tamén chegou á Mariña onde traballadoras da Galiña Azul do Valadouro tamén secundaron a folga. Critican que a Xunta impulsou unha oferta de emprego público para o Consorcio que, advirten as traballadoras, fíxose sen previamente solucionar a situación das traballadoras que levan con contratos temporais desde catro ou máis de dez anos, unha situación que consideran “moi inxusta”.
As traballadoras lembran que o propio Tribunal de Xustiza Europeo, nunha sentenza do ano 2019, falla contra a temporalidade e ampáranse nela para reclamar a “fixeza” dos seus postos laborais. Sobre esta protesta, o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, defendeu que os concurso oposición que se convoquen terán en conta a experiencia do persoal e dixo que o modelo que se está seguindo para “converter” en prazas fixas as temporais faise noutras administracións.
PROTESTA NO PARLAMENTO
A protesta chegou ao Parlamento galego onde houbo unha sonora protesta ante o Parlamento de Galicia tal e como informa Galicia Confidencial. As decenas de traballadoras –dun persoal de 1.200 o 90 por cento son mulleres— acudiron en coches particulares decorados con globos azuis, cor corporativa das escolas infantís ‘Galiña Azul’, centros nos que traballa este persoal que, denuncian, nalgún caso levan máis de 13 anos como temporais.
Con lemas como ‘As que estamos quedamos’ , e chegadas desde varios puntos de Galicia –como Ferrolterra–, as traballadoras pecharon ao tráfico durante unha media hora a baixada da rúa do Hórreo cara á Avenida de Lugo, á altura do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento Galego, desde onde se podían escoitar as bucinas dos vehículos.