A mesa multilateral sobre o futuro de Alcoa na Mariña reúnese este xoves outra vez, nesta ocasión ás 15,00 horas e sen visos de que se poida alcanzar un inicio de acordo para a venda no prazo do 30 de abril que se deron empresa e comité.
Esta situación, segundo advirten os representantes dos traballadores desde hai días, aboca ao persoal ao regreso á mobilización, para esixir un futuro para a factoría e o mantemento dos postos de traballo.
As negociacións entre a multinacional estadounidense e a sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) seguen estancadas, co obstáculo da petición de indemnidade ante eventuais reclamacións xudiciais que expón Alcoa e as dúbidas sobre a viabilidade do comprador privado ao que despois se transferiría a fábrica.
Neste contexto, este mércores transcendeu que a Avogacía do Estado se personará, para defender os intereses do Ministerio de Industria, na causa penal que se segue pola venda das que eran factorías de Alcoa na Coruña e Avilés.
Pola súa banda, o comité afeou ao ministerio que estea “desaparecido” e advertiu de que o PSOE “será responsable do que pase”.