O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a ampliación das prazas da residencia pública que a institución provincial ten en Trabada debido á alta demanda que rexistra, con 20 persoas a día de hoxe na listaxe de agarda.
A Deputación inicia agora o procedemento administrativo para aumentar en nove, ata 39, as prazas residencias deste centro para dar resposta “á necesidade social da comarca e tamén á listaxe de agarda que temos para esta residencia, o que demostra unha vez máis que o noso modelo público, de calidade e de proximidade, funciona”, subliñou o presidente a través dun comunicado.
Así mesmo, detallou que “o centro foi construído para poder dar resposta a esas prazas e conta coa capacidade e as infraestruturas o suficientemente amplas para atender a 9 persoas máis sen renunciar aos altos niveis de calidade asistencial que nos marcamos”. A día de hoxe, o Centro de Atención a Maiores de Trabada conta con 28 residentes, atopándose a día de hoxe máis de 20 persoas na listaxe de agarda. Cómpre lembrar que unha das prazas existentes está reservada para ser ocupada pola vía de urxencia se é necesario.
Unha vez que a Deputación reciba a autorización da Administración galega, a Deputación e o Concello de Trabada deberán modificar o convenio especifico entre as dúas administracións para establecer as novas achegas que cada unha delas deberá facer para axudar a sufragar os custes das prazas. A decisión de solicitar á Xunta de Galicia o aumento da capacidade asistencial foi adoptada nunha comisión de seguimento deste servizo provincial presidida por José Tomé e da que forman parte a Deputación e o Concello trabadense.

MÁIS EQUIPAMENTO
Para poder atender a 39 persoas usuarias no CAM de Trabada serán necesarias un conxunto de actuacións valoradas nun importe de en torno aos 20.000€. Entre elas, destaca o equipamento das habitacións con camas, colchóns e diferente mobiliario necesario para que a estancia sexa o máis pracenteira posible.
Así mesmo, proxéctase a ampliación da sala polivalente, que aínda que é ampla e acolledora, farase máis grande para aproveitar mellor o espazo e lograr que aumente en luminosidade ao recibir con esta mellora un maior grao de luz solar directa. Tamén se adecuarán os espazos de almacenamento para adaptalos ás novas necesidades.