O Concello de Castropol sumouse este mércores á campaña #AsturiasSinHumo, unha campaña de prevención impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro en Asturias (AECC Asturias) que quere converter ao Principado na primeira comunidade libre de tabaco en España. “Esta campaña de concienciación sobre o consumo do tabaco e a exposición a esta sustancia, que está relacionada con enfermidades respiratorias, cardiovasculares e mesmo co propio cancro, coincide co interese que ten a nosa localidade en promocionar un estilo de vida saudable”, declarou o alcalde do municipio, Francisco Javier nun comunicado.
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, o Principado de Asturias é a segunda comunidade autónoma con maior número de fumadores activos e fumadores pasivos: dous de cada cinco asturianos fuman a diario e, destes, 72.400 fuma máis de 20 cigarros ao día e 60.300, entre 10 e 19. Unha adicción que repercute tamén sobre outros: 31.300 asturianos están expostos ao fume do tabaco máis de 5 horas ao día e 21.200, entre 1 e 5 horas diarias.
Ante esta situación, a Asociación Española Contra o Cancro en Asturias lanzou ‘Asturias Sen Fume’, unha campaña de prevención e concienciación que busca ampliar os espazos sen fume por toda a rexión, frear a incidencia do tabaquismo, especialmente entre os mozos, e contribuír, desta forma, a cambiar a percepción cara ao consumo de tabaco e protexer a saúde das persoas e do medio ambiente.
#AsturiasSinHumo
Baixo o hashtag #AsturiasSinHumo, calquera persoa pode reclamar o seu propio espazo libre de tabaco no Principado. “Ademais de compartir imaxes ou tweets dos espazos que os asturianos queremos converter en espazos sen fume, como parte das nosas accións da campaña lanzamos un mapa interactivo a través do cal calquera persoa pode situar o seu espazo sen fume nos 78 concellos asturianos”, asegura Margarita Fonte, presidenta de AECC Asturias.
Ademais, a Asociación impulsou en redes sociais distintos retos para motivar aos máis novos a buscar o seu propio espazo sen fume, ‘atrevéndose a respirar’. A iniciativa conta coa participación de influencers que animan a sumarse á campaña e empresas que ofrecen premios semanais para os que queiran a participar.