- Advertisement -
O alumnado do EEI San Roque de Viveiro realizou este venres unha Compostela propia do Camiño do Mar que foron selando en diversas paradas do roteiro dende Pénjamo ata a Ponte da Misericordia dentro do programa “Descubrindo o Camiño do Mar”. É unha iniciativa do Concello de Viveiro que traballa dende hai anos a prol da oficialización do Camiño do Mar.
Na Praza Maior tivo lugar o selado por parte da alcaldesa, María Loureiro, que agradeceu “o traballo dos nenos e nenas, trasladando o coñecemento adquirido na aula á propia experiencia de transitar polo camiño”.
As Camiñadas deron comezo esta semana e prolónganse nas vindeiras 3 semanas, saíndo ao camiño os cursos de infantil e 1º e 2º de primaria de tódolos colexios do concello. Así, participan o EEI San Roque; CEP Lois Tobío; CEIP Santa Rita de Galdo; CEIP de Celeiro; CEIP de Covas e o colexio Landro.
CAMIÑO DA COSTA
Por outra banda, os alumnos do CEIP San Cosme de Barreiros realizaron este venres un percorrido pola costa de Asturias e Galicia para terminar a camiñada enlazando cun tramo do Camiño de Santiago.
Viaxaron en autobús desde o centro escolar até a Praia de Penarronda, de aí seguiron até a de Arnao. Tras un momento de descanso, xogo e merenda continuaron o seu percorrido até o albergue de peregrinos de Ribadeo. A excursión enmárcase no proxecto Voz Natura do que forman parte desde hai uns anos.