Os concellos de Trabada e de Viveiro puxeron en marcha os campamentos de verán para nenos e nenas co obxectivo de favorecer a conciliación das familias e de prestar un servicio que dé maior cobertura ás familia.
Trabada puxo esta mañá en marcha os seus Campamentos Urbanos de Verán 2021, unha iniciativa que ten como obxectivo prioritario axudar ás familias a conciliar a vida persoal e laboral.
Un total de 24 nenos e nenas participan nestes campamentos e poderán ir ademais aos cursos de natación que darán comezo a próxima semana, en concreto os luns e os mercores de 13 a 14 horas. O Concello de Trabada ofrece tamén estes cursos de forma gratuíta aos adultos os martes e xoves de 12 a 13 horas (para inscricións, pódese chamar ao concello, 982 – 13 50 11).
VIVEIRO
Pola súa banda, o Concello de Viveiro comezará o vindeiro luns día 5, no pavillón do CEP Lois Tobío o primeiro campamento. O horario é de 08.30 a 14.00 horas, coa posibilidade de entrada ás 10.00 para as familias que así o desexen. A hora de saída será flexible dende as 13.00 ata as 14.00 horas.
As nenas e nenos que figuran admitidas na listaxe publicada en data 27/06/2021 non teñen que realizar ningún trámite para, no caso de quedar prazas vacantes na quenda de agosto, poder participar nese mes.
Durante o campamento, desenvolverase unha programación de actividades lúdicas, fomentando a cooperación, o traballo en grupo, a aceptación da diversidade, así como o desenvolvemento da creatividade.