O alcalde, Fernando Suárez, cualifica de intolerable a pretensión da Consellería de Educación de eliminar a educación secundaria para adultos que se imparte no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Foi o Consello Escolar do centro o que lle comunicou a noticia. O rexedor asegurou que o Concello ribadense loitará para que esta medida non se leve a cabo.
Suárez Barcia destacou que “consideramos intolerable perder un servizo educativo que ata este momento se ofertaba no noso concello”.
O alcalde considera “un erro enorme eliminar estas ensinanzas xa que constitúen un dereito educativo básico, probablemente o único camiño de mellora que lle queda a moitas persoas do noso concello e dos arredores”. Suárez Barcia aludiu ás persoas que non teñen a titulación mínima esixida para calquera posto de traballo, “no senso de que ademais suprimir estes estudos no noso concello supón de facto a imposibilidade de acadar esta titulación para toda esta xente”.
Fernando Suárez sinalou que “Ribadeo debe ter unha oferta educativa variada e completa de acordo ao que supón poboacional e territorialmente o noso concello, e desde logo que quede claro que desde o Concello de Ribadeo habemos loitar para que non se faga efectiva esta vulneración dos dereitos educativos dos nosos veciños e veciñas”.