Un paciente que estivo ingresado por covid-19 no Hospital da Mariña, en Burela, denuncia que leva desde abril esperando polos resultados dunhas probas que lle realizaron unha vez superada a enfermidade.
Por iso, decidiu porse en contacto coa Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para interpor unha reclamación ante o hospital o pasado 6 de setembro. Segundo informa esta entidade, o paciente permaneceu 11 días ingresado por unha pneumonía bilateral por covid-19 e leva “seis meses esperando para coñecer o seu estado de saúde” despois de que se lle fixesen distintas análises.
E é que o home foi dado de alta pola súa boa evolución clínica, pero aínda tivo que permanecer illado outros 14 días. Posteriormente, foi citado para consulta en Medicina Interna o 22 de decembro de 2020 e en abril de 2021 realizouse unha radiografía e unha analítica. Desde entón, tal e como denuncia, está a esperar para coñecer o resultado das probas.
Ademais, este home –segundo recolle a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña– refire que quedaron secuelas tras a infección: “Non me atopo como antes da enfermidade, nin moito menos, e penso que é excesiva esta tardanza. Estou preocupado polo meu estado de saúde, quero saber se teño algún problema serio ou non”.
Ata o momento, este paciente “só recibiu unha carta de Atención ao Paciente” onde lle comunican “que están a pór todos os medios, que o lamentan profundamente e pídenlle desculpas”. Con todo, a plataforma esixe que “se deixen de tanta palabrería e tanto gasto de papel para non dicir absolutamente nada e que non enganen á xente deste xeito tan vergoñoso”, xa que pór todos os medios posibles “significa dotar do persoal necesario nos servizos que hai infradotación”.
RESPOSTA DA ÁREA SANITARIA
Ante estas críticas, fontes da Xerencia da área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte sinalaron a Europa Press que, se o home foi a Atención ao Paciente, “seguro” que os resultados “están todos revisados”.
No entanto, as mesmas fontes lembran que as probas “se cargan no sistema informático e poden ser consultados polo médico de familia” a través da plataforma ‘Ianus’.