A Xunta de Galicia asumirá un terzo do custo do auditorio de Foz. É o compromiso ao que chegaron o alcade focego, o popular Javier Jorge Castiñeira, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O Concello de Foz chegou no pasado mes de outubro a un principio de acordo coa Fundación Martínez Otero para a cesión da horta colindante ao asilo, onde se ubicará a instalación.
O solar consta de 2.770 metros cadrados e o anteproxecto da edificación contempla un auditorio con capacidade para 900 persoas. O orzamento ascende a 2,2 millóns de euros.
O goberno local anunciou a súa intención de buscar financiamento para o proxecto, e o alcalde focego sinalou que a Xunta de Galicia debía custear a construción, “como ocorreu en outros moitos concellos“.
Finalmente, o Goberno galego comprometeuse a custear un terzo da edificación. Castiñeira e Feijóo acordaron un financiamento compartido “a partes iguais” entre as tres administracións que teñen competencias no eido cultural; a Xunta, o Concello e a Deputación de Lugo.
O rexedor afirmou que o goberno local está disposto a asumir a súa parte, “dado que a situación económica do Concello o permite”.
Na reunión tamén se falou, segundo explicou o alcalde focego, da solución construtiva definitiva, que debe atender, segundo a Xunta, “á adaptabilidade e á funcionalidade e non tanto á capacidade máxima do auditorio”.
Así, o alcalde focego anunciou que iniciará conversas co goberno provincial para o financiamento da obra, ao tempo que retomará o anteproxecto co arquitecto, avaliando as consideracións feitas polo Goberno galego, e que avanzará nas condicións definitivas de cesión do terreo coa fundación.
DEPURADORA
No tocante á depuradora, Augas de Galicia recibiu o anteproxecto da empresa consultora. O investimento ascendería a oito millóns de euros.
O documento está pendente da revisión definitiva e do trámite ambiental, e o goberno agarda que “en poucos meses estea nas mans da corporación municipal e exposto aos veciños”.