A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou este venres tres obras de mellora na costa da Mariña Lucense, nos municipios de Burela, Cervo e Xove, e que ascenderán a máis de 500.000 euros.
O Executivo central está a acometer a primeira das actuacións no Cantiño, á altura do Castro. A Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar instalará novas varandas e reparará zonas do espigón e o paseo marítimo danadas polos temporais de 2018.
Esta é unha das actuacións incluídas no plan de conservación de mantemento no litoral da costa de Lugo.
CETÁREA
Outra das actuacións, que comezará nos vindeiros días, será a demolición da parte superior da cetárea de San Cibrao. O orzamento deste proxecto alcanza os 31.807 euros.
PORTIÑO DE MORÁS
Rodríguez explicou tamén que o Ministerio para a Transición Ecolóxica encargou as obras de supresión do tráfico rodado e acondicionamento da contorna do portiño de Morás.
O custo deste proxecto será de 360.544 euros.