IniciosociedadeRibadeo celebra a residencia cunha lembranza a quenes loitaron polo servizo

Ribadeo celebra a residencia cunha lembranza a quenes loitaron polo servizo

Nas xornadas de portas abertas, o alcalde recoñeceu o traballo de técnicos e goberno, corporación, Deputación e veciños, entre os que salientou ao falecido José María Rodríguez

Publicada o

- Advertisement -

Ribadeo celebrou unha xornada de portas abertas do centro de atención a persoas maiores que serviu como recoñecemento aos que loitaron durante anos na procura do servizo. “O noso soño, o teu fogar”, pode lerse á entrada das instalacións.

No acto interviñeron a concelleira de servizos sociosanitarios, Sonia Meilán; José Antonio Ares, representante da comisión de asociacións veciñais a prol da residencia; Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia.

O rexedor ribadense lembrou no seu discurso a José María Rodríguez Díaz, voceiro das asociacións veciñais e recentemente falecido. “Non lle deu tempo de ver a realidade que poden ver vostedes, pero estou seguro de que hoxe estaría ben orgulloso”, subliñou.

Suárez Barcia destacou o esforzo colectivo “dos técnicos municipais e dos representantes dos veciños, do goberno local e da corporación, tanto da anterior como da actual, que demostraron un compromiso total”.

OS TRÁMITES PARA ACADAR O SERVIZO COMEZARON NO 2014 E DEBERON CONTINUAR SEN O APOIO DO GOBERNO GALEGO

O rexedor resaltou tamén “a colaboración leal da Deputación, primeiro co vicepresidente anterior, Antonio Veiga, e despois con Darío Campos”.

Suárez Barcia precisou que “iniciamos no 2014 a construción da residencia cos proxectos técnicos elaborados por nós, mais coa autorización administrativa da Xunta de Galicia. Agora, en novembro de 2018 estamos ao final desta ilusionante pero longa e tortuosa travesía”, asegurou.

SINATURA DO CONVENIO

O alcalde de Ribadeo e mailo presidente da Deputación rubricaron a sinatura do convenio do xeriátrico e a solicitude do Permiso de Inicio de Actividade (PIA) á Xunta de Galicia. 

A documentación “sairá a semana que vén para Santiago de Compostela. Agardamos que, xa que non puxo un peso neste proxecto, cando menos non poña trabas que impidan que se encha de usuarios canto antes”, expliou o rexedor. 

TRALA SINATURA DO CONVENIO ENTRE CONCELLO E DEPUTACIÓN, O XERIÁTRICO QUEDA PENDENTE DO PIA, QUE DEBE CONCEDER A XUNTA

É xusto lograr que Ribadeo teña o que se vén negando desde hai decenios. E cumprir o que nos comprometemos diante dos membros das asociacións e especialmente de José María Rodríguez”, argumentou.

“Confiamos pois que cando bote a andar, estea chea de xente feliz e orgullosa de pasar aquí os últimos -e que sexan moitos- anos da súas vidas”, concluíu Suárez Barcia.

Descuberta da praca conmemorativa da residencia. AXM

CONCELLEIRA

Pola súa banda, Meilán espuxo que “os maiores son a miña paixón, a miña profesión está directamente relacionada coa xeriatría, son xerocultora desde hai dez anos e creo que sería moi difícil explicar con palabras o que sinto hoxe”.

VECIÑOS

Ares felicitouse porque “estamos aquí coa residencia a punto. Faltan papeis, sinaturas para o funcionamento, cuestións administrativas e aínda se tardará tempo en ver aos nosos maiores disfrutando destas instalacións, mais dende a plataforma esperamos a chegada dun bo futuro”, indicou.

DEPUTACIÓN

Campos subliñou que “é un día da alegría e espero que marque un antes e un despois e que en tres ou catro meses poidamos ter aquí aos nosos maiores usando esta residencia, porque eu son inimigo dos edificios baleiros e paréceme que estas cousas hai que poñelas a andar o antes posible porque son necesarias”.

CAMPOS AGARDA QUE “EN TRES OU CATRO MESES POIDAMOS TER AQUÍ AOS NOSOS MAIORES”

PRACA CONMEMORATIVA

Darío Campos e Fernando Suárez descubriron unha praca conmemorativa situada debaixo dunha foto da manifestación coa que centos de veciños e veciñas reclamaron unha nova residencia de maiores para Ribadeo.

A inscrición reza: 22 de abril de 2012. A loita de todo un pobo, vila e campo, representantes municipais e cidadanía encheron as rúas de Ribadeo para demandar unha nova residencia para as persoas maiores. 24 de novembro de 2018. Xornada de portas abertos ao Centro de Atención a Persoas Maiores. O POBO É QUEN MAIS ORDENA”.

PORTAS ABERTAS

As xornadas de portas abertas da residencia continúan este domingo e os días 1, 2, 8 e 9 de decembro, en horario de mañá e tarde.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...