O colectivo SOS Sanidade Pública de Galiza convocou unha manifestación para o próximo día 14 de novembro ás 12 horas en Santiago, con saída desde a Alameda. Esta convocatoria responde ao lema ”SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA:EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA”.
Esta Plataforma forma parte tamén do comité organizador da mobilización, polo que apoia esta convocatoria en defensa da sanidade pública, “que nesta ocasión poñerá máis énfase sobre a Atención primaria polos recortes aos que a ten sometida o goberno da Xunta desde hai 12 anos, e acrecentado aínda máis desde a pandemia”.
Acusan á Xunta de Galicia do que está a acontecer na Primaria e a Consellería de Sanidade, polas súas políticas conducentes ao desmantelamento da sanidade pública. Denuncian que o goberno galego leva 12 anos de xubilacións de profesionais e “contratacións en precario que levan ao éxodo de profesionais cara a outros lugares onde os contratos son estables”.
Denuncan os anos de recortes nos orzamentos destinados a Atención Primaria e a falta de atención aos prefesionais e sindicatos que denunciaban a situación e esixían condicións dignas de traballo. Tamén resaltan o feito de que a Xunta e a Consellería levan anos “negándose á incorporación de novas categorías profesionais para garantir unha atención sanitaria integral”.
Cualifican de mentir sobre o modelo sanitario galego, descrito pola Xunta como impecable, “mentres facía auga por todas partes. Só gracias aos esforzos titánicos dos profesionais , que responde con responsabilidade ao maltrato das xerencias e goberno”.
Á parte, sumanlle o ter “tirado por terra o ambicioso Plan de Mellora de Atención Primaria polo mero feito de que non era un plan do PP e porque no seu “directorio” só está a privatización”.
Por estes motivos, a Plataforma pide rematar coas colas para entrar no Centro de Saúde, ter que facer múltiples chamadas para poder conectar co centro de saúde. Piden a eliminación das listas de agarda de varios días en Atención Primaria, “feito que entra en contradicción coa conceptualización da Primaria”. Esta situación, denuncian, colapsa PACS e servizos de urxencias e “favorecen a privatización da sanidade, creando profundas desigualdades”.
Esixen a retirada da consulta telefónica e telemática como eixo da asistencia en detrimento da atención presencial. Denuncian recortes en persoal e a situación de inestabilidade e precariedade laboral do persoal dos centros de saúde.
SITUACIÓN NA MARIÑA
Na Mariña a situación é aínda máis grave “porque a maiores eliminouse a Área Sanitaria, convertíndonos nun distrito sanitario”. Isto supuxo a perda de autonomía asistencial segundo a Plataforma, “con dependencia cada vez maior da macroárea da capitalaumentando case de xeito exponencial as derivacións á capital, a máis de cen quilómetros por unhas estradas similares ás de hai cincuenta anos”.
Sinalan que moitas destas derivacións fanse aos hospitais privados, en mans de empresas amigas de Feixoo. Estes hospitais forman parte das futuras portas xiratorias dos que hoxe gobernan Galiza. “Queremos que a Atención Primaria teña uns orzamentos que supoñan o 25% dos orzamentos sanitario e precisamos máis persoal para que a atención sanitaria sexa de calidade“.
Reclaman un novo modelo de Atención Primaria que reconstrúa o sistema sanitario desde a base. Por iso “chamamos a todos e todas as veciñas da Mariña a que acudan masivamente á manifestación do domingo 14 de Novembro en Santiago, pois a presión social é a unica forma de facelos desistir das súas intencións”.
Haberá autobuses gratuitos. Para anotarse pódese chamar aos teléfonos 982 140 654, 982 586 158 e 667 052 058. O último día para anotarse é o día 11 de novembro. Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña anuncian que diversos integrantes do colectivo se desprazarán pola comarca para realizar diversos actos de información e recollida de sinaturas, de xeito que o proximo día 4 estarán en Ribadeo, o día 9 no Hospital e o día 10 en Viveiro. Nos vindeiros días informarán dos lugares e a hora dos actos.