Esta fin de semana rematan as III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña. Están destinadas aos profesionais do turismo, da hostalería e do comercio da comarca, axencias de viaxes e centros educativos de Galicia así coma ao público xeral.
O 12 de novembro as xornadas recalarán en Burela coas redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Reina del Carmen, antigo boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito.
O día 13 a iniciativa chegará a Cervo coa visita ao estaleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e ao Museo Provincial do Mar. As xornadas rematarán o 14 de novembro en Foz coa visita ao artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro, ao seu espectacular xardín botánico e cun percorrido pola Basílica de San Martiño de Mondoñedo. As visitas correrán a cargo de Noela Feal, que é guía oficial de Galicia e artesá.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense sinalan que “queda algunha praza libre para a xornada por Burela. Para Cervo e Foz están completas as prazas ofertadas, con lista de agarda aberta”. As actividades son gratuítas. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “o obxectivo destas Xornadas de Portas Abertas é que os profesionais do territorio e en contacto co turista poidan coñecer de primeira man esta iniciativa para logo recomendala aos visitantes”.
As III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que están organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e co apoio da Deputación para a súa promoción, arrincaron o pasado 29 de outubro en A Pontenova, seguiron o 30 en Mondoñedo e o 31 en Viveiro.