A CIG denuncia que unha empresa, JR Meilán, que ten concertados co Sergas servizos de fisioterapia, “incumpre o contrato” ao dispensar aos pacientes “tratamento por persoal non cualificado”.
Fontes do sindicato explican que ao longo da mañá do mércores, “diversos usuarios” da clínica desta empresa en Burela explicaron á central “que recibiron tratamento de fisioterapia por unha persoa non titulada neste ámbito e formada como auxiliar de enfermería”.
A central lembra que “quen utiliza as técnicas propias do persoal de fisioterapia sen ser fisioterapeuta colexiado, pon en risco a saúde dos pacientes”.
“Ao mesmo tempo, existe unha desigualdade na asistencia entre aqueles pacientes que reciben fisioterapia por profesionais capacitados para iso no Hospital da Mariña e centros de saúde, e aqueles que son derivados á clínica concertada mencionada anteriormente”, argumenta o sindicato nacionalista.
A CIG insta ao Sergas a “investigar o que sucede con esta clínica concertada” e resalta que “xa se lle puxo en alerta en varias ocasións sen que rescindise o contrato”.
A central nacionalista pregúntase “para que contratar e pagar a unha empresa por un servizo que non se presta”.
A carencia de fisioterapeutas é acusada no sistema sanitario galego e a CIG resalta que “hai centros de saúde absolutamente desaproveitados, como o de Mondoñedo, que consta dun ximnasio infrautilizado ao non haber persoal para que rinda”.
O SERGAS “INVESTIGARÁ” O CASO
Fontes do Sergas aseguran que “non teñen constancia da situación denunciada”, que en todo caso “analizaremos e investigaremos”.
As mesmas fontes resaltan que a través do concerto entre o Sergas e JR Meilán “só se presta rehabilitación a pacientes crónicos, non agudos” e insisten en que “a clínica concertada conta con persoal titulado para prestar os servizos pactados”.