Os concellosde Ribadeo e Viveiro decidiron habilitar espazos para impulsar a realización de probas de antíxenos en saliva sen cita previa, para toda a poboación sen síntomas que queira asegurarse de que non está contaxiada de Covid. Unha medida que tenta aliviar, en parte, a alta incidencia que o coronavirus está tendo na Mariña e, especialmente, nestes concellos.
Así, Ribadeo puxo a disposición de Sanidade o pavillón polideportivo. O alcalde, Fernando Suárez, explicou que, con esta medida, o concello quere colaborar “para que a cidadanía de Ribadeo, ou se cadra de concellos achegados, poida facerse probas de antíxenos sen cita previa, para evitar ter que desprazarse a Burela ou a outros puntos máis distantes”. “Así gañaremos en comodidade, en rapidez e polo tanto, en efectividade”, indicou. A comezos desta fin de semana había 132 casos activos en Ribadeo.
Pola súa banda, o Concello de Viveiro informa que comezará unha campaña de test de antíxenos no municipio a partir do próximo martes 11 de xaneiro. O cribado é gratuito, está aberto tanto á cidadanía de Viveiro como da contorna e non se necesita cita previa.
O cribado realizarase na Sala Multiusos da Casa do Concello de Viveiro tres días á semana durante todo o mes de xaneiro. Concretamente, realizaranse os martes, os xoves e os sábados entre as 10:00 e as 14:00, comezando o vindeiro martes 11 de xaneiro.