O Concello de Ribadeo investirá 60.000 euros en obras de acondicionamento do consistorio, que consistirán no pintado das fachadas e no arranxo da carpintería exterior, entre outras actuacións.
A casa consistorial ribadense atópase deteriorado no relativo á pintura, coa caída do recebo, á carpintería de exteriores, aos canalóns -con fisuras-, a filtracións e aos cristais.
O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, recoñece que o concello “non está nunhas condicións axeitadas” e precisa de melloras “importantes tanto en estética como en funcionalidade”.
As actuacións inclúen o pintado do edificio enteiro, polas tres fachadas, para volver ás tonalidades orixinais dentro da paleta de cores que autoriza a Comisión de Patrimonio de Lugo.
Serán o Ral 9010 ou branco puro na fachada e na carpintería o ral 7012, ou gris basalto, que irá tamén no zócalo do edificio, ao que se lle dará un tratamento posterior de pintura antigraffiti.
“Tamén imos reparar os problemas de filtracións, mellorar a eficiencia enerxética, reparar a carpintería de exteriores e pintala, para que dentro de pouco tempo, o consistorio estea como sempre debeu estar”, asegurou o rexedor.
COLABORA A DEPUTACIÓN
O Concello de Ribadeo fixo un proxecto global que conta coa achega da Deputación de Lugo. O documento está publicado na plataforma de contratos do Estado e tamén na web municipal.
SOLICITUDES
O goberno local convida ás empresas que cumpran os requisitos a que participen na licitación. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 13 de decembro.
O prazo de execución das obras será de dous meses.