O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, asegurou este xoves nun comunicado que “non nos consta solicitude da licenza pertinente” da demolición da cuberta da cetárea de San Cibrao, obra que o Goberno central iniciou esta semana.
O rexedor cervense lembra que a autorización “tense que tramitar por normativa para calquera obra que se leve a cabo no termo municipal”.
O goberno local de Cervo non está en desacordo coas actuacións previstas polo Executivo central, que constan da derruba da parte superior do viveiro, inactivo desde 2007.
De feito, asegura Villares, o Concello “remitiu en 2015 un escrito a Costas no que expresamos o noso desacordo co proxecto de demolición integral da cetárea e avogabamos por actuar tan só na cuberta, tal e como se está a facer agora, “polo gran valor patrimonial desta edificación e pola función protectora que exerce na contorna nos días de temporal marítimo”.
Por iso, o rexedor critica o feito de “non ter recibido comunicación sobre a data de inicio das obras nin solicitude da licenza pertinente”.
“FALTA DE RESPECTO INSTITUCIONAL”
Para Villares trátase dunha “falta de respecto institucional” que contrasta coa actitude amosada neste meses pola subdelegada, Isabel Rodríguez, “xa que a cordialidade entre ámbalas institucións está a ser a tónica dominante dende que tomou posesión no cargo”.