As máis de 80 mulleres gravadas mentres ouriñaban na rúa durante as festas da Maruxaina –celebrada en 2019 en San Cibrao– comezaron a comparecer, por primeira vez desde que se abriu a investigación, no Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro, onde avisaron de que só as vítimas con avogado reciben citación para declarar.
Este venres foi a quenda de case unha vintena de afectadas que, unha a unha, prestou declaración ante o xuíz, quen lles ofreceu as accións por se queren reclamar danos e prexuízos.
En novembro de 2021 a Audiencia Provincial de Lugo ordenou reabrir o caso das gravacións humillantes a mulleres ouriñando na rúa na romaría da Maruxaina de 2019 e obrigou ao Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro a investigar a autoría dos vídeos.
José Manuel Oliveros, avogado da asociación Bumei, explicou que esta primeira declaración ante o xuíz é “un trámite para ratificar a denuncia interposta en sede policial e pediráselles que manifesten se queren reclamar os danos e prexuízos que se lles causou”.
Respecto diso, engadiu que é o momento de que as denunciantes acheguen, “se queren”, algún informe psicolóxico no que se recolla o dano causado polos feitos sucedidos “porque moitas delas está en terapia”, abundou.
Unha das 87 mulleres citadas para declarar ante o xuíz é Paloma Maseda, quen se mostrou “positiva” de cara ao futuro da investigación e agradeceu que “por fin” se lles “está escoitando”.
Con todo, Maseda denunciou que non todas están a ser avisadas para declarar. “Só as que temos avogado e procuradores estamos a ter constancia destas citacións”, lamentou.
PERSOAIS E TELEMÁTICAS
As declaracións prestaranse persoal e telematicamente, en función do lugar de residencia de cada unha das afectadas. Durante os meses de febreiro e marzo levarán a cabo as citacións a distancia e en abril as presenciais, abundou.
“Temos constancia que todas estas notificacións só nos chegaron aos que temos avogado, se as que non o teñen non o saben… Como van presentarse?”, alertou.