O PSOE de Foz móstrase “indignado” polo resultado das obras na rúa Álvaro Cunqueiro, que segundo o goberno local abrirá ao tráfico a vindeira semana.
O grupo municipal socialista considera que o resultado das obras mostrará “unha deixadez total de funcións” por parte do equipo de goberno focego.
O PSOE focego non comprende “a negativa a cambiar as vellas conducións de fecais e abastecemento, con varias fugas localizadas”.
O FORMIGÓN, “DA METADE DE GROSOR”
Os socialistas critican tamén “unha mala execución. O formigón representa a metade de espesor do proxectado en moitos treitos. Non nos foi facilitado ningún ensaio de resistencia”, indican.
Así, prognostican, “as grietas da Avenida da Mariña repetiranse en Álvaro Cunqueiro, un firme deseñado para 30 anos que racha en menos dun“.
O candidato á alcaldía polos socialistas de Foz, Fran Cajoto, sinala que “os carrís de menos de tres metros de ancho nas cabeceiras da rúa están fora da normativa. A duras penas caberán os automóbiles”, indica.
REIVINDICACIÓN “DA ACIA E OS VECIÑOS”
O PSOE focego afirma que “Álvaro Cunqueiro e a Avenida da Mariña non poden ter o mesmo sentido de circulación. É inaudito dispoñer as dúas rúas principais de Foz co tráfico orientado cara Burela“, expón Cajoto.
“Álvaro Cunqueiro debe ser sentido Ribadeo, como foi sempre e marca a lóxica”, sostén Cajoto, que sinala que “o contrario supón o caos na glorieta de Vilalba, condenar á rúa do Pilar, cun colexio e con grave risco de desplome, a un tráfico que non pode soportar”.
O candidato do PSOE focego asegura que se trata dunha reivindicación “da Acia, dos veciños e do sentido común”.