Un total de 26 postos participará na décimo quinta edición do Mercado de Nadal de Ribadeo, que abrirá as súas portas no Parque de San Francisco do 6 ao 9 de decembro.
No mercado haberá expositores de artesanía, cervexas artesás e alimentación, traballos con coiro, cerámica, decoración ou deseño.
Os clientes poderán achegarse en horario matinal, de 11.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 21.00.
A décimo quinta edición do mercado suporá un aliciente máis para visitar Ribadeo e para impulsar a vila como centro comercial e de ocio durante o mes de decembro.
Así, o mercado contará con actividades paralelas, como obradoiros para nenos, actuacións musicais e visitas guiadas.
OBRADOIROS
O 7 de decembro, desde as 17.30 horas, haberá un obradoiro de bolachas de xenxibre a cargo de ConSentidiño. O 9, a partir das 12.30, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña ofrecerá un taller de decoración de candeas.
VISITAS GUIADAS
No tocante ás visitas guiadas, o programa comezará o día 7 cunha ruta pola heráldica ribadense, que contará coas explicacións de Francisco José Campos. A actividade comezará ás 11.00 horas no parque de San Francisco.
Do mesmo escenario partirá, o día 8 ás 19.30 horas, un percorrido pola ruta dos comerciantes, a cargo de Begoña García López.
O domingo, en horario matinal, haberá outra ruta para coñecer o patrimonio relixioso ribadense, que contará coa presenza de Álvaro Lamas e Luis López Sierra.
As prazas para as visitas guiadas son limitadas. Anotan no teléfono 982.128.689 ou no e-mail turismo@ribadeo.org.
CONCERTOS
O programa de actividades paralelas tamén inclúe concertos de Lazy Bones, Cosmosoul, Iria Estévez e Gonzo Piña, Los Incorregibles e Batuko Tabanka.
ALUMEADO
O 6 de decembro acenderase tamén o alumeado de Nadal. “Non nos verán desde Nova Iork ou Tokio, pero seguro que imos ser un referente na Mariña Lucense”, ironizou o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, que presentou a programación coa concelleira de desenvolvemento local, turismo e comercio, Ana Martínez.