Unha muller leva máis de 15 meses agardando para realizar unha ecografía de colo, solicitada polo seu médico de familia en xaneiro de 2021. Así o denuncia a Plataforma Sanitaria da Mariña que di que a paciente acudiu ao servizo de urxencias por unhas molestias na garganta que iban a máis e que lle producían a maiores bastante preocupación; prescribíronlle antiinflamatorios e derivárona ao seu médico de familia, que lle solicitou unha consulta co otorrino e unha ecografía de colo.Tras ser vista polo especialista este , que non aprecia nada a simple vista recomenda que realice a proba solicitada.
Como pasaba o tempo e non a chamaban acudiu a Atención ao Paciente mais non lle fixeron reclamación escrita, tan só foi atendida verbalmente. En outubro de 2021, nove meses despois de ser pedida a ecografía, decide enviar un escrito á directora do centro, María Xosé Cortés , pero tampouco recibiu contestación algunha .
AS MOLESTIAS VAN A MAÍS
As molestias da muller aumentaron e ”chegan ata o oído, cunha sensación de ter un nódulo na garganta”, di. “Estou preocupada e asustada , quero que me fagan a proba xa e que me digan se teño algo ou non”, relata. Diante da ausencia de resposta por parte da dirección do centro a muller acude á Plataforma Sanitaria solicitando axuda para redactar unha reclamación, que se presenta polo rexistro o día 31 de xaneiro de 2022, con número de entrada 0163.
Desde a Plataforma Sanitaria esixen que se cumplan os prazos que estipula a lei de garantías sanitarias á vez que se dota ao sistema de listas de espera da transparencia que se esixe ás actuacións públicas, incluíndo nelas á totalidade de pacientes que requiren una cita , eliminando do sistema as listas B e informando a cada paciente da súa posición nas mesmas e o tempo de agarda esperado. De igual xeito piden ao Sergas que dote ao hospital do persoal que se require ,“pois a ausencia de tres radiólog@s dun cadro de persoal de cinco está a causar graves atrasos neste servizo , á vez que está a sobrecargar ao persoal que atende o servizo dun xeito perigoso para a súa saúde e repercutindo directamente sobre @s pacientes ,que non son atendidos nos tempos máximos que marca a lei.