O Comité de Atención Primaria da Área Sanitaria de Lugo, integrado por CSIF, UGT, CCOO, CIG-Saúde, SATSE, OMEGA, CESM e SAE, convoca unha concentración para o próximo xoves 21 de abril ás 12:00 horas na entrada de acceso ó Centro de Saúde de Burela. O obxectivo segundo o comité é pór de manifesto diante da Administración Sanitaria e da opinión pública a escaseza de personal e a precariedade laboral na Atención Primaria.
Denuncian a situación que está padecendo a Atención Primaria dende hai anos e que empeorou coa pandemia agravándose cada vez máis. “A presión é brutal, as condicións laborais son pésimas, salarios baixos e o persoal xa non pode máis” sinalan desde o Comité. Engaden ademais que “todo isto é consecuencia da mala organización, da excesiva burocracia, a falta de recursos e, en definitiva, a mala xestión dende hai anos por parte da Xerencia”.
Reclaman reforzos, máis persoal, condicións laborais dignas e que destinen os recursos necesarios para mellorar a situación. Tamén reclaman garantir unha prestación asistencial de calidade e rematar coa situación de penosidade e precariedade actual. Finalmente demandan o estabelecemento de incentivos que permitan atraer e estabilizar profesionais na Atención Primaria.
O Comité fai un chamamento aos traballadores e traballadoras e a cidadanía para secundar esta e as próximas concentracións que segundo acordaron neste comité, faranse todos os meses diante dun Centro de Saúde da área sanitaria da provincia, para esixir a xerencia e os políticos que poñan remedio de xeito inmediato e que se resolva esta situación caótica.