-Cales son os maiores cambios que observas na dieta das persoas na Mariña e se eses cambios son prexudiciais?
Os cambios na dieta non só se producen na Mariña, mais o que si observo con respecto a outras zonas de Galicia é unha escasa produción agrícola, gandeira e pesqueira. O ámbito agrario está un tanto desatendido agás o ámbito forestal. Por tanto, a produción agraria está un tanto esquecida na comarca. Isto tamén se ve no consumo, pois en lugares cunha poboación similar á Mariña e unhas características similares, parte agraria e marítima, é curioso ver como aquí as tendas de produtos ecolóxicos e grupos de consumo responsable non proliferen da mesma maneira que noutros lugares.
-Existe un motivo que teñas visto detrás desta escasa proliferación tanto de produción ecolóxica como grupos de consumo responsable?
Pois ando detrás diso. Ao mellor é esa mentalidade de zona industrializada e que nos apartou do cultivo da terra. Aínda que hai cultivo de horta para autoconsumo na costa non hai unha presenza de cultivo de produción que si está máis presente nos concellos do interior da comarca. En tal caso, levamos tres anos investigando por que non se dá a produción de horta no litoral e aínda non o sabemos, é posible que nos leve dous anos máis coñecer os motivos. Por iso realizamos aproximacións aos colexios, coas ANPAs ou cos profesores porque así podemos ter unha mellor visión das problemáticas ou limitacións para ter unha certa sensibilidade para chegar a iso.
O ámbito agrario está un tanto desatendido agás o ámbito forestal
-Son necesarios importantes investimentos para crear alternativas de cultivos ecolóxicos?
Si e non, para min o primeiro está na motivación. Unha das miñas actividades é o apoio ao emprendemento a través de cursos e mentorías e aí é onde boto en falta motivación e emprenduría neste contexto. Estou convencidísimo de que na Mariña habería lugar para dúas granxas para criar galiñas e termos produción de ovos ecolóxicos. Non lle vexo ningunha debilidade económica a un proxecto como este, tanto por fonte de ingresos como demanda que hai pois o desexo de consumir ovos de verdade vai en aumento. É unha mágoa que esa vontade ou motivación de emprendemento, non apareza para montar unha granxa dese tipo. Xa non digo tanto no agrícola, porque aí por culpa do cambio climático, corren máis risco de variabilidade na súa produción. Por iso a produción de ovos é un tema abondo seguro mais non aparece esa idea produtiva dunha granxa de ovos ecolóxicos que tamén fose granxa-escola.
-O uso de pesticidas e insecticidas biolóxicos e outros produtos de orixe non química, pode facer dubidar no momento de decidirse asumir un proxecto agrario ecolóxico?
Seguramente, mais aí non deixo de compartir sempre que estamos nun erro con respecto á comprensión da nosa relación coa natureza. Está amplamente demostrado que calquera praga aparece por un desequilibrio natural. Sobre iso, para min é inspirador un proxecto que existe na parroquia de Vieiro en Viveiro, que é o Proxecto Dispersor, que fala do sistema agroforestal onde se analiza e estuda como a natureza, na súa non incidencia humana, se activa nese ecosistema e cales son as vantaxes que poden ter. A biodiversidade é a mellor solución fronte a todo tipo de praga. No canto de usar pragicidas biolóxicos ou sintéticos, cómpre replicar o sistema produtivo que é a natureza. Se logramos isto, a nosa relación co medio será mellor ademais de melloras produtivas. No caso de Vieiro tiñan o dato de que unha hectárea traballada por dúas persoas sen mecanización, chegaron a ter nun ano tres toneladas de alimento diverso. Esa filosofía é coa que deberamos educar á xente nova para non esquilmar a natureza.
Unha das miñas actividades é o apoio ao emprendemento a través de cursos e mentorías e aí é onde boto en falta motivación e emprenduría neste contexto
-A diversidade nos cultivos é deixar medrar outras plantas entre os cultivos.
Si, por exemplo, no caso do tomate a enfermidade que máis o ataca é o mildiu. Unha solución para protexer as tomateiras é intercalar entre as tomateiras a planta da albahaca. Esa asociación de cultivos é o que propón Agroforesta, non entender a horta como un sistema de escravización da produción, senón que compense con cultivos e ao mesmo tempo permita a creación de ecosistemas en estado natural máis adecuado. Por outra parte, debemos afacer os nosos hábitos de consumo ao que prové a natureza segundo a época.
-Cales son as grandes sorpresas que levan os nenos cando vas aos centros educativos e lles falas de alimentación ecolóxica fronte a alimentación de hoxe en día?
Case podemos dicir que as sorpresas as levamos nós. En principio nós transmitímoslles que a nosa saúde depende da saúde do planeta. Dentro diso, moitos dos nosos hátibos de consumo poden mermar a nosa saúde e tamén a saúde do planeta. O exemplo que lles poñemos é o da botella de plástico de 25 cl., moitas desas botellas son reutilizadas pola maioría do alumnado cando xa se ten descuberto que ese plástico non serve para ser reutilizado, por tanto estamos poñendo en risco a nosa saúde. E non só iso, senón que para facer e reciclar a botella fai falla enerxía e o plástico vén dun combustible fósil e por tanto xoga contra a saúde do planeta. Esa sorpresa maiúscula que podemos levar nós é que non lles importe, mais por sorte, canto máis pequeniños máis rápido comprenden a urxencia de aportar solucións.
No canto de usar pragicidas biolóxicos ou sintéticos, cómpre replicar o sistema produtivo que é a natureza
-Contarás con apoios das ANPAs e profesorado. Aínda así, hai xente dentro destes colectivos que non ven útil accións como explicar o consumo responsable aos nenos e nenas?
Claro que si, por sorte cada vez menos. Mais até hai uns tres ou catro anos se falabas da alimentación como resposta contra o cambio climático e como relación máis directa nosa coa natureza, soaba como moi estraño. Logo da pandemia parece que dentro de nós xurdiu un certo interese de reconexión coa natureza e coidado aos ámbitos. Así xa vemos máis interese por parte das ANPAs e do profesorado en xeral. E non digo xa o alumnado porque creo que foi sempre máis sensible e interesado no asunto. Por outra parte, quen contrata este tipo de actividades e reunións son os adultos. Nós temos actividades para profesorado e para sensibilización e información para pais e nais e logo obradoiros e actividades concretadas ás idades dos alumnos. A parte adulta cando máis a podemos traballar é agora nestes tempos.