O Concello de Viveiro reclama “responsabilidade” aos veciños do municipio que se queren desfacer dos seus efectos persoais. O goberno local asegura que o servizo de recollida apañou este mércores, “como vén sendo habitual”, mobiliario, electrodomésticos e outros bens depositados na rúa “sen previo aviso“.
O goberno local viveirense impulsa un servizo de recollida de efectos persoais para trasladar o material ao punto limpo.
O executivo local lembra que o protocolo deste servizo establece que os veciños deben chamar ao concello para advertir daqueles bens dos que se queren desprender.
Daquela, os servizos municipais fixan unha data para a recollida deste material por parte dos operarios correspondentes. O día fixado para esta fin é o mércores.
O goberno local subliña que moitos veciños non cumpren e “a súa actitude prexudica aos que si o fan, que chaman e agardan á data correspondente. Moitas veces é imposible recoller nunha mesma xornada os avisos programados e os bens de aqueles que non comunicaron a súa intención previamente”, expón.
SANCIÓNS
O Concello de Viveiro chama á veciñanza a cesar “nas actitudes incívicas e irrespectuosas co medio ambiente”. Neste senso, o goberno local asegurá que tomará “as medidas oportunas” no caso de identificar ás persoas responsables.