IniciosociedadeO colectivo "Berro Seco" denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes...

O colectivo “Berro Seco” denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes en Galicia e outros territorios onde se fala galego

O colectivo polos dereitos llingüísticos Berro Seco lanza un comunicado no Día das Letras Galegas denunciando a discriminación dirixida aos galegofalantes, tanto dentro de Galicia como nos territorios estremeiros onde se fala galego.

Publicada o

- Advertisement -

O Colectivo Berro Seco na súa Defensa dos Dereitos e Liberdades, enviou un comunicado para este Día das Letras denunciando a reiterada vulneración dos dereitos que sofren as persoas galegofalantes en Galicia e nos territorios estremeiros onde se fala o noso idioma. “Ser galegofalante habitual na nosa comunidade segue tendo unha fonda carga pexorativa social e na práctica a acción de se expresar en galego como algo habitual segue véndose como un acto de atraso e incultura ou a expresión de ideoloxía política”sinalan. A situación das persoas galegofalantes nos territorios estremeiros como o Eo-Navia, o Bierzo, As Portelas e Calabor é aínda moito peor ao non ter o idioma galego ningún recoñecemento oficial.

Berro Seco denuncia que en Galicia aínda se seguen dando casos de persoas que non son contratadas por ser galegofalantes, son despedidas ou forzadas a cambiar a lingua de seu para conservar o emprego. Estas prácticas tan estendidas de vulneración sistemática dos Dereitos das persoas galegofalantes “incumprindo as leis que protexen o uso do noso idioma é tamén unha práctica habitual de moitos concellos, Xunta de Galicia e mesmo tribunais de xustiza”. Por poñer un exemplo chega con dicir que a presentación de expedientes, reclamacións, solicitudes, recursos, en lingua galega non garante que a resposta administrativa sexa no mesmo idioma. Fora das fronteiras administrativas da CAG nin sequera está permitido presentar escritos en galego. A discriminación lingüística, tamén acontece nos altos tribunais galegos como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Somos coñecedores que distintas salas do TSXG non só fan unha vulneración sistemática dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes negándose a resolver os expedientes en lingua galega aínda que os escritos sexan remitidos en galego senón que teñen chegado a facer prácticas humillantes como a tradución ao castelá dos lexítimos nomes de persoas galegofalantes que presentaron documentación en galego. Tamén teñen usado a práctica detestable de deturpar o nome co fin de reducir a galeguidade dos mesmos.

Desde Berro Seco reclamámoslle ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, actúe de xeito decidido con medidas concretas para erradicar dunha vez por todas a galegofobia existente na sociedade, empezando pola que está instalada nas institucións públicas, que co seu comportamento ao tempo que nos negan o noso dereito a sermos atendidas en galego contribúen ao desprestixio da nosa lingua e, se esforce na defensa dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes no conxunto da sociedade galega. Debe tamén -ao noso entender- velar polos dereitos lingüísticos das persoas que usan o noso idioma nos territorios do Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas e Calabor.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...