O PsdeG de Foz presentará dúas mocións no vindeiro pleno para que o Concello requira á empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga, Gestagua, que solucione as deficiencias sinaladas no informe da auditoría externa encargada polo goberno local.
O grupo municipal socialista afirma que dito informe, realizado para comprobar “se a empresa concesionaria realizou todos os investimentos aos que se comprometeu, reflexa unha serie de compromisos por parte da concesionaria difíciles de constatar”.
Os socialistas explican que a auditoría pon en dúbida “a actualización dos planos da rede de abastecemento. As inspeccións constatan a antigüedade dalgunhas das infraestruturas e equipos”, indican.
No informe detéctanse deficiencias –17 na rede de abastecemento e 13 na de saneamento– nos depósitos, estacións de tratamento, bombeo de auga potable e outras instalacións, que segundo o grupo municipal do PSdeG “recomendan esixir á empresa concesionaria unha solución antes da nova concesión”.
O PSdeG focego asegura que “é fundamental dispor de unha planimetría actualizada do servizo, incluíndo tipoloxía e dimensión dos condutos, localización das distintas válvulas e elementos do sistema en formato dixital con coordenadas xeo-localizadas”.
Por iso, antes da saída a concurso do servizo de abastecemento e saneamento, reclaman ao Concello que urxa á adxudicataria a solucionar estes problemas “para que calquera empresa poida concorrer en igualdade de condicións que a actual concesionaria”.
EXTERNALIZACIÓN
Socialistas e BNG insistiron na pasada primavera na necesidade de municipalizar o servizo de abastecemento de auga, mentres que o goberno local e Foz Plataforma de Futuro (FPF) avalaron a súa externalización.
OBRAS REMATADAS EN CANGAS E NOIS
O Concello de Foz rematou as obras de mellora de dous viarios de Nois e Cangas, nos que investiu 20.000 euros
Trátase do camiño de Pedrido, en Nois, e o que une a ITV coa estrada das praias, en Cangas. A mellora destas dúas vías foi unha das medidas acordadas por FPF e goberno para a aprobación dos orzamentos municipais.
MOCIÓN DE FPF
Pola súa banda, Foz Plataforma de Futuro pedirá no pleno unha reparación integral con aglomerado e a limpeza de cunetas da estrada que sube dende o barrio do apeadoiro do tren ata o barrio de Carpacide, na parroquia de Nois.