O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, critica que a Xunta de Galicia “enfoca os cursos do Plan de Formación e Inserción Profesional (FIP) ao sector privado”, logo que de o Executivo galego non concedese ao concello ningún dos catro obradoiros solicitados polo goberno local.
O rexedor sinala que “Burela caracterízase por ofrecer formación que favorecese a reinserción laboral dos desempregados” e lembra que no pasado ano o Concello ofreceu seis cursos, como os de axuda no fogar ou atención sociosanitaria, que “tiveron moito éxito”.
Llano precisa que o Concello solicitou desta volta os cursos de atención sociosanitaria a dependentes; operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais; operacións de gravacións e tratamento de datos e documentos aplicando as novas tecnoloxías; e dinamización de actividades de tempo libre.
Trátase de cursos “polivalentes” e con “demanda”, expón o alcalde de Burela, que asegura que algún deles, como o de atención sociosanitaria, “se completa inmediatamente, porque é fácil conseguir traballo”.
COMPETENCIA
Segundo o rexedor, a Xunta aludiu á “competencia do sector privado” para non conceder ao Concello os cursos solicitados, e instou ao goberno local a “esperar algunha renuncia por parte das academias”.
A explicación non o convence. “No Concello coñecemos de primeira man as necesidades formativas, temos unha conexión total co INEM e procuramos que a reinserción social sexa en firme”, subliña.
Llano lamenta que “ningunha decisión en firme neste ámbito se tomou desde a provincia de Lugo, pasou todo a Santiago e desde alí distribuíron os cursos deste xeito totalmente negativo”.